Dezaseis meses sen contrato de mantemento de viais dan coma resultado unha cidade en estado deplorable e un goberno que amosa non estar á altura do que precisan os cidadáns

Ferrol, 16 de outubro de 2020

Despois de 1 ano e 2 meses de mandato do goberno actual do PSOE esta cidade atópase con máis servizos sen contrato ou en situación irregular que con ningún outro goberno. Os que se vendían coma os grandes xestores están amosando que a súa capacidade para dirixir e planificar os asuntos desta cidade é nula.

Así pois, en novembro do 2019 rematou o contrato de mantemento de víais que o goberno de Ferrol en Común tiña durante o seu mandato; un contrato que veu incrementada a súa cantidade en 200.000€ anuais en relación ao contrato anterior do Partido Popular, ascendendo a suma total a case 1 millón de euros que cubría de xaneiro a decembro o mantemento de viais arranxando fochancas, afondamentos, aglomerados e demais reparacións en todos os barrios, tanto urbanos coma rurais, da nosa cidade.

A día de hoxe, o Concello de Ferrol non conta con dito contrato, pois en 16 meses non foron capaces de levar a licitación un servizo tan importante coma é o mantemento da nosa cidade. Fai exactamente un ano, en outubro de 2019, entregóusenos un borrador que non era máis que un copia e pega do noso prego de viais. Dende esa data só asistimos a unha nova mostra de paralización e falsas declaracións de “estase traballando”, mentres as rúas e as beirarrúas convértense nunha “gincana” para coches e viandantes.

Esta parálise supón ter a cidade abandonada, supón un perigo para os vehículos e a cidadanía e supón un gasto extra para as arcas da nosa cidade, pois as reclamacións patrimoniais por danos convértense en habituais.

Ferrol en Común considera que é necesaria a licitación dun novo contrato de mantemento de viais o máis axiña posible, pois non pode recaer todo o traballo na cuadrilla municipal, que atópase mermada pola falta de determinación para sacar a oferta de emprego público, en contraposición co que o Alcalde declaraba a principio de mandato. Sen medios para arranxar fochancas e realizar aglomerados a cidade presenta un estado deplorable en todos os barrios, aínda que este goberno lle dea preferencia a uns sobre outros descaradamente nos investimentos realizados.

FeC considera que este goberno non está á altura do que precisa esta cidade. Dentro de 8 meses cúmprense a metade de mandato do PSOE e o veremos se a lista de servizos sen contrato segue aumentando ou pola contra, foron quen de licitar polo menos un dos contratos fundamentais da nosa cidade coma é o do mantemento de viais.