As nosas mocións de setembro debateranse mañá, luns, na continuación do Pleno Ordinario de Setembro

Ferrol, 18 de outubro de 2020

Máis de 15 días despois, este luns 19 de outubro, retómase o Pleno Ordinario do mes de setembro no que quedaron pendentes de debate as nosas mocións para retomar a construción do Memorial en lembranza ás vítimas do franquismo e para dar apoio as demandas da Cofradía de Mariscadoras de Ferrol na súa búsqueda de solucións para a situación na que se atopan.

A nosa ría está a pasar un dos seus peores momentos, atópase en mínimos históricos non só no relativo a ameixa babosa se non en todos os moluscos que se recollen nas nosas augas. As familias da comarca que precisan da vida da nosa ría para levar o sustento a súas casas están librando unha batalla constante para que a administración competente busque solucións para a situación desoladora na que se atopan.

As propostas da Consellería do Mar son insuficientes para o problema que están a sufrir as mariscadoras da Ría de Ferrol, pois o peche dos bancos marisqueiros sen unhas axudas ás que se poidan acoller soamente levarán consigo desempleo e precariedade a este sector.

Outra demanda vital para o colectivo, é a realización por parte do Ministerio de Fomento e Xunta de Galicia un estudo integral da ría para coñecer os problemas existentes e poder dar solucións eficaces e definitivas que poñan fin a esta situación e devolvan a vida á ría coa recuperación da súa riqueza e dos postos de traballo.

Todo isto recóllese na nosa moción coa que instamos ao Concello de Ferrol a tomar cartas no asunto é solicítelle tanto á Xunta coma ao Ministerio de Fomento a realizar as accións pertinentes para que non desapareza un sector clave na nosa comarca e que da traballo a tantas persoas.

Doutra banda, tamén debaterase este luns a nosa proposta sobre retomar a construción do Memorial ás vítimas do franquismo e que agardamos consiga o apoio de todas as forzas políticas da corporación pois o pasado 29 de setembro de 2018 aprobouse sen ningún voto en contra.

Moito do traballo xa está feito, pois este proxecto comezou no mandato anterior co obxectivo de outorgar recoñecemento e dignificación ás mulleres e homes que loitaron pola liberdade entre os anos 1936 e 1976 nesta comarca. Polo que agardamos saía adiante e retómense as actuacións pertinentes para ver finalmente erguido o monumento.