Ferrol, 23 de outubro de 2020

Ferrol en Común ven de manter unha xuntanza co Comité de Empresa de Navantia co obxectivo de coñecer de primeira man o estado no que se atopan os proxectos fundamentais que permitirían ao naval ferrolán seguir desenvolvendo a súa actividade.

O sector naval da nosa cidade atópase ao límite. Esa é a conclusión que podemos sacar da xuntanza mantida esta mañá co Comité de Empresa de Navantia; pero outra afirmación que nos levamos da reunión é que ten a capacidade suficiente para ser unha das empresas máis competitivas do estado no seu sector, sempre e cando o goberno central aposte por ela e cumpra as súas promesas coma son a construción dun AOR, a renovación do astaleiro, o contrato das F-110 ou a reconversión medio ambiental.

É fundamental que todas as administracións remen conxuntamente para levar a flote esta empresa pública que da traballo directo a máis de 2000 persoas da nosa comarca. Foron e son moitos os compromisos de gobernos de todas as cores, sobre todo en campañas electorais, pero non existe ningún movemento político real que propicie a sinatura inmediata do buque ou sexa capaz de axilizar os contratos das F-110 ou sexa quen de avanzar na construción do dique seco; mentres o tempo segue pasando e polo camiño vanse quedando traballadores, traballadoras e empresas enteiras que dependen da vontade política de facer unha aposta segura polo noso astaleiro.

Unha mostra dos fogos de artificio que a todos gústanlle botar é a recente proposta do alcalde Angel Mato sobre a creación dun clúster de defensa, cousa que a longo prazo é unha das múltiples opcións polas que podería optar Navantia, pero parece que non é consciente da extrema situación na que se atopa o naval e a urxencia que require buscar unha solución inmediata que soamente sería posible coa construción dun AOR, o que daría traballo a corto prazo a máis de 1000 persoas.

Ferrol en Común segue apostando pola construción deste buque coma medida de emerxencia ante a sangría laboral que está a acontecer na nosa cidade. Ademais disto, FeC considera fundamental o avance nos contratos das Fragatas F-110 que darían traballo para máis de 10 anos. Por suposto, a renovación do astaleiro como factor clave da modernización do noso principal sector socioeconómico estratéxico é unha das demandas imprescindibles para conseguir que Navantia compita ao mesmo nivel coas principais empresas do seu sector.

Doutra banda, a diversificación da empresa pública cara un modelo enerxético sostible que permita desenvolver unha actividade na que construír produtos medioambientalmente sostibles, debuxaría outro escenario de optimismo no sector que agora mesmo vemos como estase afundir mentres as administracións limítanse a xuntanzas de lavado de cara.

Polo tanto, dende Ferrol en Común, queremos instar ao goberno do estado a que comprométase a través dos orzamentos xerais á reserva da partida necesaria para cumprir dunha vez por todas as múltiples promesas que sempre lle fixo a esta comarca e non a deixe caer, pois requerimos dunha intervención pública de emerxencia.