FeC ven de rexistrar unha moción para instar ao goberno local a unha mellora no prego de parques e xardíns e o desbloqueo por parte da alcaldía para incluír en dito prego o acordo asinado entre empresa e traballadores, que contempla unha mellora nas súas condicións de traballo.

Ferrol, 26 de outubro de 2020

Á chegada ao goberno, co apoio do grupo de Ferrol en Común, do alcalde Ángel Mato, preguntado polas prioridades, o actual alcalde respondeu en clave técnico-xurídica, falando da regularización de contratos e o convenio de defensa, sorprendendo a quen esperaba unha continuidade na aposta polo municipalismo de esquerdas. 16 meses despois, temos unha xestión que non é máis que parálise e inacción, sen proxecto de cidade nin en ano e medio visos de levar unha soa das propostas programáticas compartidas con FeC a efecto, e, por certo, sen novas do convenio de defensa e con máis servizos sen contrato, como o de mantemento de viais, imprescindible no día a día da mobilidade veciñal.

Un destes servizos sen contrato é o de mantemento de parques e xardíns. Ferrol en Común desenvolveu un prego que, para ser posto en común co resto de grupos, foi levado á comisión, ralentizando esta democratización a súa tramitación, que este grupo asume en aras á participación por coincidir no tempo coa nova lei de contratos que supuxo un freazo a toda a contratación a nivel de estado.

A día de hoxe son moitas as circunstancias que mudaron, dous anos despois do inicio desa redacción o material e instalacións están en estado lamentable, a superficie na que actuar é maior e as condicións laborais son diferentes, pois neste tempo os traballadores e traballadoras asinaron un acordo coa empresa para a mellora das súas condicións laborais que o alcalde Ángel Mato ten bloqueado e impide que o prego contemple estes novos dereitos máis favorables para o persoal de mantemento de parques e xardíns, o que supón que dito prego atópese paralizado, sendo un contrato fundamental para o mantemento da nosa cidade. Tamén consideramos que o inicio da contratación debe ir acompasada dun estudo para a súa xestión directa a curto prazo, onde se garantan os mesmos parámetros nos dereitos dos traballadores e na prestación do servizo.

Ferrol en Común mantivo unha xuntanza cos representantes dos traballadores e apoia as súas demandas que traslada ao vindeiro pleno en forma de moción e que serían as seguintes:

1.- O desbloqueo inmediato por parte do alcalde da sinatura dun Acordo laboral pactado entre empresa e parte social, preacordado en maio de 2020, ao igual que no anterior mandato se fixo no servizo de recollida de residuos e limpeza viaria, condicións a tres anos vista, que dignifica unhas condicións laborais sen apenas cambios dende 2008 e, aínda con todo, serían inferiores a cidades do noso entorno.

2.- A modificación da parte técnica do prego relativa á maquinaria a empregar: incremento de material con epis específicos para as tareas a desenvolver, un camión cisterna como no resto de cidades, e unha aposta por aparellos eléctricos con fin de facer un servizo respectuoso co medio ambiente.

3.- Incluir no prego as condicións que debe ter a nave onde se instale a nave base do servizo, con melloras no número de metros, vestiarios e duchas en condición e cumprimento íntegro da Lei de Prevención de Riscos Laborais.

4.- A inclusión no prego do mantemento de parques infantís ao igual que se fai coa inclusión de mantemento de instalacións deportivas, e como se viña facendo ate o período 2001 2003.

5.- A subrogación íntegra de todo o persoal e a adaptación as novas superficies, tendo en conta que a día de hoxe a superficie a traballar é de 27.000 metros cadrados por operario/ano, pasando no novo prego a 28.317 metros cadrados por operario/ano, o dobre que na Coruña, un 50% máis que en Lugo ou Santiago.

6.- A inclusión de cláusulas que primen a paridade e a inclusión.

7.- A eliminación da cláusula que impón un máximo de 6 centímetros na altura do céspede pasando a 15 segas, como no anterior prego, xa que non se adapta ás condicións climatolóxicas do noso territorio.

Dende Ferrol en Común non entendemos como un goberno socialista coma parecía ser o goberno de Ángel Mato, mantén bloqueado un acordo entre empresa e traballadores de mellora de condicións laborais sen incluílo no prego de parques e xardíns. Por este motivo, que deixa ver que os valores do alcalde non son os que moitos esperábamos e os que moitos defendemos, levamos meses con este contrato paralizado cando debería ser unha prioridade para calquera goberno, pois ten que ver co mantemento adecuado da nosa cidade.

Por todo isto, no vindeiro Pleno pediremos suspender temporalmente a tramitación administrativa do prego de mantemento de parques e xardíns ata ter unha xunta de voceiros con presenza do Alcalde e da representación dos traballadores e traballadoras que prestan o servizo para analizar as súas demandas. Dada a celeridade que debemos ten que ter este contrato, agardamos que no prazo de dúas semanas dese dita xuntanza e inmediatamente despois vótese na comisión pertinente as propostas de mellora tanto na parte social coma na prestación de servizos.