Ferrol, 3 de novembro de 2020

O sector da cultura está conformado por numerosos profesionais e empresas das artes, a música, o cine, o teatro, as produtoras, as salas de concertos, os/as artistas, os museos e todo o seu persoal, que segundo as últimas publicacións supoñen un impacto directo no tecido laboral galego de preto de 30.000 postos de traballo directos. Este gremio trátase dun sector heteroxéneo e fragmentado, que ademais de ser tremendamente transversal e dependente doutros sectores padece unha gran fraxilidade laboral que vese incrementada dun xeito alarmante coa situación de crise sanitaria e económica que estamos a vivir.

Un gran número de persoas e de familias están sufrindo unha situación límite, que de non paliarse dalgunha maneira, suporán a súa ruína ante a imposibilidade de manter o emprego e a viabilidade das súa empresas e actividade profesional.

No día de onte, Ferrol en Común propúxolle ao goberno local en Xunta de Voceiros unha serie de axudas para os/as autónomos, empresarios, pemes e traballadores/as en xeral que están pasando por este momento crítico, así como o reforzo da area de Benestar Social para que non exista límite á hora de axudar aos desempregados/as ou persoas que se atopen en vulnerabilidade.

Coñecedores das contas saneadas do concello e das múltiples opcións de financiamento coas que contra a administración local, así como, as partidas de superávit e remanentes que poden ser gastadas e o futuro Fondo Europeo de Recuperación, se a nosa moción para que un 33% deses fondos sexan xestionados polo concellos sae adiante, suman unha gran cantidade que debe orientase cara políticas que poñan no centro as persoas, é dicir, accións que se centren en salvar a cidadanía que así o precise neste duro golpe da segunda vaga da pandemia.

Polo que, ante a falta de axudas concretas, Ferrol en Común reclama máis apoio dende o Concello ao tecido cultural coa elaboración de medidas específicas, dunha banda consideramos fundamental destinar axudas concretas a este sector tan castigado pola crise económica consecuencia da pandemia, e doutra banda, propoñemos que a maior parte das contratacións que se fagan por parte do Concello para espectáculos, actividades e festas, recaían no tecido cultural local, coa fin de estimular e protexer a cultura da nosa cidade, que ao fin e ao cabo, son os nosos veciños e veciñas. 

A cultura é vida. A cultura fainos rir, chorar, enfadarnos, pensar, evadirnos, desfrutar, reflexionar, aprender… a cultura é fundamental para a nosa vida e o noso desenrolo persoal, polo que non podemos deixala de lado durante máis tempo, pois xa levan sufrindo máis de 7 meses, vendo como os seus concertos, espectáculos, eventos, actuacións… son cancelados ou lévanse a cabo con aforos moi reducidos. É o momento de non deixala atrás.