Ferrol, 9 de novembro de 2020

No día de hoxe, tivo lugar unha xuntanza dos grupos municipais e a Concelleira de Benestar Social para abordar propostas orientadas a responder á crise socio-económica derivada da pandemia da COVID 19. A titular da área trasladou varias iniciativas orientadas ao reforzamento das políticas sociais desenvoltas polo goberno municipal, ao considerar que a actual crise social debe implicar unha resposta global por parte de todas as áreas de goberno, para dar o mellor servizo á cidadanía que se atopa en situacións de vulnerabilidade.  

Nesta segunda vaga da pandemia é preciso mobilizar todos os recursos dos que dispoñen as administracións para dar resposta ás persoas que se atopan en situacións difíciles, comezando pola propia administración local. FeC reivindica os servizos sociais coma uns servizos públicos fundamentais de carácter esencial, polo que non só é a Área de Benestar Social a que se ten que implicar para dar resposta ás necesidades da poboación máis vulnerable, e esixe ao Sr. Alcalde que priorice as políticas sociais.

A nosa Concelleira, Xiana López, presentou nesta xuntanza monográfica unha batería de medidas que consideramos fundamentais ante a situación de alarma sanitaria e social derivadas da pandemia da Covid-19.

Reforzamento dos servizos sociais da nosa cidade

Os servizos sociais son a ferramenta básica dun sistema que contribúe á distribución da riqueza, freando a marxinación e traballando en prol da inclusión social. A atención a cidadanía dun xeito áxil e urxente nesta área debe ser unha prioridade con pandemia e sen ela, por iso propoñemos ao goberno local que se debe garantir o persoal preciso nun momento como o actual, de emerxencia social e sanitaria. Así mesmo, consideramos de vital importancia o reforzo da área tanto con persoal técnico como administrativo para poder facer unha prestación axeitada dos servizos. Doutra banda, facemos fincapé no incomprensible de non ter cubertas as prazas de educación familiar, considerando altamente necesario reforzar este programa tendo en contra a situación actual.

Renda Social Municipal

Non é a primeira vez que Ferrol en Común lle propón a este goberno a creación dunha Renda Social Municipal coma a existente noutras cidades. Este tipo de axuda cubriría as necesidades das persoal namentres non reciban outros ingresos aos que teñen dereito coma o RISGA ou o Ingreso Mínimo Vital, dado os numerosos retrasos que existen e que deixan a persoas nunha situación de vulnerabilidade total. É o momento de que o Señor Mato realice un investimento social real para salvar ás persoas, a mesma cantidade que dotou para axudar aos autónomos/as, pemes, hostaleiros/as e comerciantes podería asignarse para a Renda Social Municipal, unha axuda máis áxil e próxima para toda a cidadanía. Unha vez máis, Ferrol en Común aposta pola Renda Social para dar unha resposta ás necesidades máis urxentes da nosa veciñanza.

Aloxamento alternativo

Estanse a dar situacións de carencia de aloxamentos alternativos axeitados, tanto daquelas persoas que carencen dun fogar, como daquelas que tendo un fogar, este non reúne requisitos para poder facer unha cuarentena cando sanitariamente así está indicado. Por ese motivo, Ferrol en Común considera de gran importancia poñer o foco nestas situacións e traballar na busca de solucións, polo que propoñemos empregar os recursos de hospedaxe da nosa cidade, é dicir, hostais, residenciais, hoteis… que ao mesmo tempo viron reducidos os seus ingresos por mor da crise sanitaria da Covid-19, para aloxar a persoas que así o precisen. 

Reforzo do programa educación familiar, voluntariado e apoio ao terceiro sector

Estas son outras das propostas que a nosa Concelleira presentou na xuntanza de hoxe nun documento técnico no que ademais de apuntar ás medidas, tamén recollía a forma na cal desenvolvelas, dándolle importancia as tarefas de coordinación con outras entidades para evitar duplicidades e aumentar a efectividade dos recursos. Así como tamén, mostrou gran preocupación polo ausencia de políticas de desenvolvemento comunitario en barrios coma San Pablo ou Recimil onde é preciso levar a cabo intervención máis intensas e coordinadas con outras áreas e administracións, ademais de traballar na consecución de Fondos Europeos que axuden a mudar a situación dos veciños e veciñas que viven en ditos barrios.

A Área de Benestar Social é clave agora, antes e mañá, pois da resposta que poden salvar persoas e transforma vidas. O reforzo, a reorganización e a dotación de recursos para os servizos sociais da nosa cidade é unha tarefa pendente que debe levarse a cabo coa maior celeridade posible, pois agora máis que nunca é preciso que ninguén quede polo camiño. Se o goberno local traballa a prol da veciñanza e pon as persoas no centro, teranos ao seu lado.