Ferrol, 10 de novembro de 2020

Hoxe tivo lugar a Comisión Informativa de Economía, Facenda, Emprego e Recursos Humanos á que se levou, como único punto da orde do día, a modificación da ordenanza fiscal xeral e das ordenanzas reguladoras do imposto sobre bens inmobles, sobre actividades económicas e da taxa por ocupación por mesas e cadeiras con finalidade lucrativa do dominio público, para o vindeiro exercicio 2021.

A modificación de ditas ordenanzas xa se viñan reclamando por parte de todos os grupos municipais dende o principio do mandato, pero Ferrol en Común amósase sorprendido pois o que hoxe nos trouxo o goberno local á Comisión non é unha modificación «stricto sensu» se non a entrega total á Xunta de Galicia a través do convenio “Doing Business que todas as grandes cidades galegas rechazan, incluído o actual presidente da FEMP, o socialista Abel Caballero.

A posibilidade dos Concellos para modificar as súas ordenanzas fiscais e regular as bonificacións que alí se contemplen a prol da veciñanza, xa ven recollida no Real Decreto Lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais (TRLRFL), polo que se permite ata un 95% de bonificación da cota íntegra do imposto correspondente a aqueles suxeitos que desenvolvan actividades económicas que sexan declaradas de especial interese ou utilidade municipal por concorrer circunstancias sociais, culturais, histórico-artísticas ou de fomento do emprego. Esta declaración de interese ou utilidade municipal corresponde ao Pleno da Corporación e é unha ferramenta que habilita a cada Concello a decidir que actividades, empresas, pemes ou pequenos negocios poden acollerse a esta bonificación.

Pola contra, o que nos presenta o goberno local coa súa proposta de adhesión ao Convenio “Doing Business” creado pola Xunta de Galicia, non é máis que eliminar a capacidade de decisión do Pleno e outorgarlle todo o poder á Xunta de Galicia, sendo a administración autonómica a que marcaría os criterios para a obtención destes beneficios fiscais, polos que se favorece ás grandes empresas en lugar dos pequenos negocios, pois non hai máis que consultar as condicións impostas pola Xunta nas que as bonificacións do 95% chegan a partir de máis de 20 empregados/as.

Polo tanto, estamos ante o sometemento que o propio Partido Socialista do Concello de Ferrol rexeitou ante a Xunta de Galicia no seu día; Partido Socialista que votou en contra da moción presentada polo PP na que se pedía acollerse a este “Doing Business” no 2017 e que explicaban daquela no Pleno, en palabras do propio PSOE, que “…non existe ningún beneficio específico para Ferrol en relación cos concellos de alrededor e, en todo caso, o que se acaba producindo é unha redución en termos xerais da carga fiscal daquelas empresas que teoricamente crean emprego, cunhas condicións determinadas, fixadas pola Xunta e que todos os que se adhiran teñen un tratamento VIP…”; e Partido Socialista que ten nas súas filas a unha maioría de alcaldes galegos que rechazan este Convenio, entre eles Abel Caballero, que incluso recorre a orde da Xunta que regula as subvencións a programas de emprego e coa que Feijoo leva a cabo unha chantaxe aos Concellos para a sinatura de dito Convenio (consultar aquí); Convenio que se basea en quitarlle o poder de decisión ás cidades para que os beneficios fiscais recaían nas grandes empresas, xusto o contrario do que defendemos dende Ferrol en Común e o contrario que precisa a nosa cidade.

Dende Ferrol en Común consideramos que a proposta que o goberno de Angel Mato trouxo a Comisión, unicamente favorece aos que teñen máis ingresos, aumentando a súa riqueza, fronte aos pequenos negocios que son os que están a sufrir directamente as consecuencias da Covid-19, sen ver ningún cambio na súa actividade económica, mentres os incentivos que se propoñen dende o Concello son totalmente insuficientes.

Ferrol en Común non vai a apoiar estas modificacións de orzamentos a través da sinatura do Convenio “Doing Business” coa que se entrega a autonomía local en tema de tributos á Xunta de Galicia. Agardamos que o goberno local rectifique e leve a cabo unha modificación que preserve a autonomía financieira do concello e incida nunha reforma das ordenanzas con progresividade e máis acaída para favorecer aos máis vulnerables, e non ás políticas liberais de liberar de impostos ás empresas en lugar de incentivar os círculos de economía próxima e circular, como debera ser propio dun goberno progresista.

Doutra banda, Ferrol en Común amósase a favor da modificación da ordenanza número 19, relativa á taxa por ocupación por mesas e cadeiras con finalidade lucrativa do dominio público, onde evidentemente apoiaremos eximir dun gravamen a sectores que están a sufrir directamente as consecuencias do confinamento.