Ferrol, 11 de novembro de 2020

O acceso e goce a unha vivenda digna e adecuada é un dereito constitucional polo que deberían de velar todos os poderes públicos. Por iso, é de vital importancia a elaboración de diferentes políticas por parte das administracións que fomenten as axudas públicas e interveñan o ámbito fiscal para favorecer a rehabilitación e renovación das vivendas das nosas cidades colaborando deste xeito a crear espazos habitables para toda a veciñanza.

Os convenios ARRUs asinados entre o Ministerio de Fomento, o Instituto Galego de Vivenda, pertencente á Xunta de Galicia, e o Concello de Ferrol, para a rexeneración e renovación urbana que se desenvolven dentro do Plan Estatal de Vivenda, dan lugar á posibilidade de acceder a axudas de rehabilitación de vivendas que se atopan en casos de valor histórico ou en barrios nun estado menos conservado como pode ser Ferrol Vello ou Recimil. Con estas axudas búscase favorecer as intervencións urbanísticas particulares para dotar dunha nova vida as numerosas edificacións que precisan de actuacións para a súa conservación na nosa cidade.

Ferrol en Común fixo unha aposta clara durante o seu mandado e logrou converterse no 2018 na cidade máis rehabilitadora de Galicia, tramitándose máis de 1200 actuacións de obra maior e menor, en 3 anos de mandato. Isto conseguiuse grazas ao traballo realizado pola Área de Urbanismo para incluír a barrios coma Recimil, A Graña ou Esteiro Vello na catalogación de zona ARRUs, o que posibilita a concesión de axudas a particulares para a rehabilitación de vivendas nestos novos barrios.

O último convenio asinado por Ferrol en Común co Ministerio de Fomento e a Xunta de Galicia, contemplaba a intervención dun total de 157 vivendas distribuídas polos catro barrios conseguidos, Magdalena e Ferrol Vello, Esteiro Vello, Recimil e A Graña, por un valor de 3,369,773,58€, implicando un gasto para as arcas municipais de case 1 millón de euros, e que Ferrol en Común asumiu amosando o seu compromiso coa rehabilitación e entendendo que estas actuacións favorecen a nosa cidade mellorando a súa faciana, as vivendas dos nosos veciños e veciñas e xeran emprego para toda a poboación.

Polo contra, atopámonos ás portas dun Pleno Extraordinario no que unicamente se leva un convenio de rehabilitación para o barrio de A Magdalena-Ferrol Vello que chega soamente a 50 vivendas e por un valor de 1,511,750,97€, do que o compromiso do goberno local é nulo, pois o Concello non aporta nin un só euro a dito convenio, deixando que os particulares soporten o 77,99% do custo total das actuacións.

Ferrol en Común non pode máis que afear esta actitude do goberno de Ángel Mato ante unha nula aposta pola rehabilitación da nosa cidade e unha falta de espírito crítico fronte a administración da Xunta de Galicia e do Estado. Este goberno permanece calado mentres ve coma néganselle a Ferrol investimentos que crearían emprego de calidade e mellorarían os barrios da nosa cidade. Un goberno en silencio que non defende os intereses da cidade e da súa veciñanza.

Para rematar queremos deixarvos unha táboa coa comparativa entre o Convenio que lévase hoxe a Pleno para a anualidade 2020 relativo ao barrio de A Magdalena–Ferrol Vello, pois é o único barrio contemplado este ano, e o mesmo asinado no noso mandato para a anualidade 2017 e prorrogado para o 2018.

Lembrar que ademais do barrio de A Magdalena-Ferrol, no mandato de Ferrol en Común asináronse convenios para Recimil, Ferrol Vello e Esteiro Vello.