Ferrol, 12 de novembro de 2020

Cando Ferrol en Común chegou ao Concello levaba unha idea consigo que hoxe en día segue defendendo: gobernar baseándose na ética, a transparencia e a participación da xente do común. A cidade non precisa dunha barreira entre os que están no Pazo e os que non, precisa dunha cultura participativa na que se habiliten canles para que a opinión de cada cidadá se teña en conta na toma de decisións da cidade.

Neste senso, Ferrol en Común deu un gran paso durante o seu mandato aprobando un novo Regulamento de Participación Cidadá e instaurando unha política de portas abertas, así como a creación das Asembleas de Barrio, o Foro dos Maiores, Asembleas Culturais, Plenarios Escolares, Ferrol Decide ou o programa +Rural, que se reunía semanalmente coa veciñanza do rural para escoitar e dar resposta as súas demandas. Todas estas xuntanzas formaban parte dun entramado cara unha participación real da cidadanía na administración local.

Doutra banda, a Concellería de Participación Cidadá non só é competente para impulsar a comunicación e debate entre o Concello e a xente, se non tamén de realizar un contido de actividades, eventos, certames e calquera tivo de acción que poida resultar de interese para a veciñanza, como pasaba por exemplo cos Roteiros de Ferrol Rebelde, os cales gozaban dunha gran acollida na cidade.

Neste tempo, no que Ferrol en Común xa non goberna, a participación cidadá quedou reducida á convocatoria obrigada das Subvencións anuais a Entidades Veciñais do Concello de Ferrol. Xa está, isto é todo o que se pode atopar a día de hoxe nunha Concellería dotada de persoal e de recursos propios.

Pero a inexistencia de contido nas concellerías estase a converter en algo característico do goberno de Ángel Mato, pois temos Muller e Igualdade, Xuventude, Universidade, Normalización Lingüística, Benestar Animal, Medio Ambiente, Mobilidade, Zona Rural e un amplo etc das cales apenas saíron iniciativas neste ano e medio de mandato. Imaxinamos que isto é o que sucede cando chegas a Alcalde sen folla de ruta e baseando as políticas municipais nas obras do goberno anterior.

Volvendo ao tema da Participación Cidadá, non só imos a lamentar o retroceso participativo que existe, a desaparición de canles de comunicación coa veciñanza, o feito de atopar as portas pechadas con impedimentos para abrilas ou a nula programación de ningún tipo dende esta área, se non que tamén imos darlle ideas a este goberno que parece estar medio perdido.

Dende Ferrol en Común consideramos de gran interese a creación dunha Escola da Participación que aglutine unha programación de cursos, talles e obradoiros ao longo do ano e que poidan ser apetecibles para a cidadanía, coma por exemplo un curso de “trámites administrativos por vía telemática”, agora que atopámonos nuns tempos onde é máis necesario que nunca saber desenvolverse de xeito online.

Outra das nosas propostas sería a recuperación dos Roteiros de Cidade que tan ben viñan funcionando non só para os visitantes da nosa urbe, se non tamén para a propia veciñanza, que se sentían sorprendidos por redescubrir unha historia de Ferrol que as veces descoñecían.

Desenvolver un Ciclo Cinematográfico no único cine da nosa cidade, parécenos moi acertado coma actividade a levar a cabo para todos os ferroláns e ferrolás que non só gozarán dun bo espazo e boas películas, se non tamén axudará a sacar adiante unha sala de cine que leva apostando pola cultura na nosa cidade dende fai 15 anos.

Certames literarios, concursos de curtametraxes, cursos para entidades veciñais sobre dinamización dos barrios, orzamentos participativos, creación dunha páxina web que conteña información sobre asociacionismo, comunicación en rede, axuda para trámites de subvencións, desenrolo de programas colaborativos… as opcións son infinitas pero as ganas de traballar deste goberno tamén teñen que selo. Non basta con coller a acta de concelleiro/a ou de Alcalde e ir polos barrios sacándose fotos cando repárase unha fochanca.

Dende Ferrol en Común, tamén reclamamos a apertura de canles periódicos coa cidadanía, xa sexa a través de Plenarios, Foros, Asembleas, Xuntanzas ou Consellos que permitan debater e tomar decisións sobre os asuntos de cidade e expoñer todos os puntos de vista para que os proxectos resultantes sexan enriquecedores para todas as partes.

A participación cidadá é parte dun crecemento democrático, é incluínte, reforza as administracións e permite que a poboación poida tomar parte nas decisións de cidade. Ferrol en Común está comprometido con este vínculo entre administración e veciñanza, coma así o amosou nos catro anos anteriores, polo que lle pedimos a este goberno que impulse un ambiente de diálogo e debate para darlle un espazo a cidadanía dentro do Concello e comece a traballar nunha programación de calidade dende a área de Participación Cidadá.