Ferrol, 17 de novembro de 2020

Ferrol en Común ven de presentar as súas emendas aos Orzamentos Xerais do Estado para o vindeiro ano 2021 a través de Galicia En Común.

Coa presentación destas emendas, Ferrol en Común defende os intereses da cidadanía ferrolá fronte uns orzamentos que non contemplan ningún dos proxectos que tanto se veñen demandando pola nosa cidade e que son fundamentais non só para a súa mellora e avance se non para que Ferrol non continúe o camiño de sangría demográfica pola acusada taxa de desemprego que recae sobre a súa veciñanza e que sen intervención por parte do goberno do Estado, ficará abandonada coma unha cidade pantasma.

Emenda relativa á carga de traballo para o sector naval de Ferrol

O sector naval da nosa cidade atópase ao límite, pero tamén consideramos que ten a capacidade suficiente para ser unha das empresas públicas máis competitivas do estado no seu sector, sempre e cando o goberno central aposte por ela e cumpra as súas promesas coma son a construción dun AOR, a renovación do astaleiro, o contrato das F-110 ou a reconversión medio ambiental.

Coma xa demandamos en numerosas ocasións, é fundamental que se habilite unha partida para o sector naval de Ferrol, que da traballo directo a máis de 2000 persoas da nosa comarca. O goberno do Estado parece non ser consciente da extrema situación na que se atopa esta empresa pública e a urxencia que require buscar unha solución inmediata que soamente sería posible coa construción dun AOR, o que daría traballo a curto prazo a máis de 1000 persoas.

Doutra banda, para paliar a sangría laboral que está a acontecer na nosa cidade é prioritario o avance nos contratos das Fragatas F-110 que darían traballo para máis de 10 anos.

Así mesmo, a renovación do astaleiro a través do Dique Seco, como factor clave da modernización do noso principal sector socioeconómico estratéxico é unha das demandas imprescindibles para conseguir que Navantia compita ao mesmo nivel coas principais empresas do seu sector.

Polo tanto, dende Ferrol en Común, instamos ao goberno do estado a que se comprometa a través dos orzamentos xerais á reserva da partida necesaria para cumprir unha débeda pendente que todos os gobernos teñen coa nosa cidade e que require dunha intervención pública de emerxencia.

Emenda relativa á vía ferrolviaria Ferrol – A Coruña

A modernización da obsoleta rede ferroviaria de Galicia é un tema urxente e demandado en numerosas ocasións, pero o máis preocupante para Ferrol en Común é a case hora e media que se tarda en percorrer os 55 km que nos separan de A Coruña a través dunha liña viaria do ano 1913 na que non se acomete ningunha obra de relevancia dende aquela.

Ferrol e A Coruña son dúas cidades que comparten grandes vínculos sociais, laborais e educativos, polo que estimamos unha prioridade que o nexo de unión entre ambas cidades non se reduza a un tren do século pasado e solicitamos que se executen os proxectos necesarios para garantir unha liña ferroviaria práctica entre as dúas urbes.

Solicitamos a mellora da liña de ferrocarril Ferrol – A Coruña, a través do bypass de Betanzos e as obras que sexan oportunas, coas que se acorten os tempos da viaxe e convertan esta liña ferroviaria nunha opción digna para a veciñanza.

Emenda relativa ao estado da Ría de Ferrol.

A ría de Ferrol é sustento para moitas familias da nosa comarca e a última que contou cunha depuración das súas augas. Agravando esta situación existe o problema adicional dos recheos, que pechan enseadas, como as da A Malata ou Caranza, ou que cortan a ría de banda a banda. Os efectos provocados pola acción conxunta de vertidos e barreiras á circulación de auga do mar, provocan a degradación da case a totalidade dos bancos marisqueiros da ría, e a perda e desaparición de algunhas partes destes, coma sucede no caso do banco das Pías, un dos máis produtivos na década dos 90. A todo isto hai que sumar ademais o efecto dun parásito, “Perkinsus olseni”, que acabou de rematar a xa nefasta situación do banco marisqueiro das Pías.

Ante esta situación na que se atopa a nosa Ría e a produción marisqueira da que dependen numerosas familias da nosa comarca, consideramos fundamental que os PGE recollan unha partida para a realización dun estudo integral da Ría, para coñecer os problemas existentes e poder dar solución eficaz e definitiva a esta situación.

Emenda relativa á supresión do talud de As Pías

A supresión do talud de As Pías é un proxecto amplamente demandado pola nosa cidade que consistiría na conexión dos cinco barrios máis poboados da nosa cidade eliminando as barreiras existentes a día de hoxe que impiden a unión entre ditas zonas.

Este proxecto xa se consignou en numerosos PGE sen que ningún goberno o executara e unha vez máis, solicitamos dita intervención coa que levaríase a cabo unha reurbanización do vial, rebaixe da cota ao mesmo nivel que a carreteira da Trinchera e articulación dun novo nudo de conexión mediante unha rotonda. Ademais, da mellora do vial e a humanización da conexión entre estes barrios que que agora mesmo se atopan comunicados a través de túneles pouco seguros e pasos elevados.