Ferrol, 18 de novembro de 2020

Ferrol en Común rexistrou esta mañá unha moción en apoio ao pobo saharaui ante a escalada da tensión na zona do Guerguerat e instando á ONU e a MINURSO á organización do referendo no 2021.

O pobo saharaui leva décadas sufrindo as agresións do Reino de Marruecos coa complicidade da comunidade internacional. A pesar da súa responsabilidade histórica, nin os diferentes gobernos españois nin as institucións europeas actuaron para que se cumpra o dereito internacional e os mandatos das resolucións da ONU. O pobo saharaui leva agardando un referendo de autodeterminación dende que no 1991 se producira o alto o fogo entre exército marroquí e o Fronte Polisario, e a ONU establecese a súa Misión para o Referendo no Sáhara Occidental (MINURSO). Dende entón, a poboación saharaui vive exiliada en duras condicións nos campos de refuxiados de Tindouf, no deserto arxelino ou no territorio saharaui baixo ocupación marroquí, onde a violencia e a represión das forzas da ocupación é sistemática.

España ten unha responsabilidade xurídica directa sobre o Sáhara Occidental, dado que transferiu a soberanía e a administración a Marruecos e Mauritania, da que era a súa colonia, de forma completamente ilegal no 1975. Un territorio que España abandonou a súa sorte no 1979, sen atender aos requisitos de descolonización da ONU. Dende a retirada de Mauritania en 1979, Marruecos é a única potencia ocupante sobre o terreo, que explota uns recursos mineiros e pesqueiros que xeran enormes beneficios as súas empresas. Ata que se produciron estes acordos ilegais, os saharauis eran cidadáns españois e a pesar deste abandono por parte das autorizades contaron durante anos coa maioritaria solidariedade do noso pobo a súa xusta causa. As relacións de fraternidade que nos unen a ambos pobos son enormes, incrementadas por anos de políticas públicas de solidariedade: irmandamentos, Vacacións en Paz ou proxectos de cooperación ao desenrolo.

Ruptura do Alto o Fogo

O conflito nos último días vese agravado. As forzas marroquíes abriron unha carreteira de xeito ilegal que cruza a zona do Guerguerat, na fronteira entre o Sáhara Occidental e Mauritaria, atravesando unha zona que polos acordos de 1991 quedou desmilitarizada.

A poboación saharaui leva varias semanas protestando na zona e cortando esta carreteira de forma pacífica co fin de chamar a atención da comunidade internacional, ata que o pasado 13 de novembro, as forzas marroquíes atacaron aos manifestantes desarmados, iniciando así un conflito que supuxo a ruptura do alto o fogo e que pode supoñer a volta á guerra antre o Sáhara Occidental e Marruecos.

Xa van case 30 anos o tempo que leva o Pobo Saharaui agardando un referendo. Unha parte do pobo vive baixo ocupación marroquí e os seus dereitos humanos son violados constantemente. A outra parte vive no exilio do deserto. Os seus recursos naturais están sendo expoliados.

A mellor solución para este conflito non é a guerra, se non a organización sen máis dilacións dun referendo de autodeterminación que lle pregunte ao pobo saharaui se quere a independencia ou a súa integración con Marruecos. Iso é o acordado en varias resolucións das Naciones Unidas e debe cumprirse. A isto ten dereito o pobo saharaui, pero ese referendo esta vez non pode agardar.

Por todo isto, Ferrol en Común presentou unha moción no día de hoxe para o seu debate e agardamos que aprobación no Pleno, pois o pobo saharaui precisa do noso apoio e a nosa axuda máis que nunca. Sabemos que este é un tema complicado e que non compete ao ámbito local, pero non podemos ficar calados mentres vulnéranse os dereitos doutros pobos irmáns.

Ferrol en Común sempre amosou o seu compromiso co pobo do Sáhara Occidental e por iso queremos unha vez máis expresar a nosa solidariedade e o noso convencemento do seu dereito irrenunciable ao exercicio do dereito de autodeterminación, que xa non pode agardar máis.

Con esta moción, ademais de conseguir que a corporación demostre o seu apoio, Ferrol en Común quere instar ao Secretario Xeral da ONU ao nomeamento dun enviado Especial para o Sahára Occidental, posto que leva sen cubrirse un ano e medio; así mesmo, é preciso instar ao goberno do estado para que inste a súa vez á ONU a cumprir a resolución 690 do Consello de Seguridade de 29 de abril de 1991 que mandata á MINURSO á organización dun Referendo durante o próximo ano 2021.

Dende Ferrol en Común consideramos que xa é hora de tomar cartas sobre o asunto e que se salde a débeda pendente que temos co Pobo Saharaui dende fai demasiados anos. Non é suficiente con políticas de solidariedade se non que é urxente traballar e colaborar para que este pobo poida verse por fin libre.