Ferrol, 20 de novembro de 2020

Hoxe, venres 20 de novembro, cúmprese o prazo de 2 semanas co que contaba o goberno municipal para facer efectivo o acordo plenario aprobado sen ningún voto en contra na pasada sesión extraordinaria do 5 de novembro, relativo a manter unha xunta de voceiros cos representantes dos traballadores/as da empresa de mantemento de parques e xardíns.

O pasado mes de outubro, Ferrol en Común presentou unha moción para a mellora do contrato de mantemento de parques e xardíns e o desbloqueo por parte do goberno municipal do acordo de melloras das condicións laborais pactado entre empresa e traballadores. Dita moción, aprobouse na continuación do Pleno que tivo lugar o pasado 5 de novembro cos votos a favor de toda a corporación, excepto a abstención do PSOE.

Un dos acordos que contemplaba a nosa moción era “convocar no prazo de dúas semanas unha xunta de voceiros coa presenza do Alcalde e unha representación dos traballadores/as da empresa de mantemento de parques e xardíns, co fin de analizar as demandas plantexadas”.

Hoxe, día 20 de novembro, cúmprese o prazo fixado na moción sen que o goberno local convocara ningunha xunta de voceiros nin coa parte social, nin cos grupos municipais para informar de calquera avance neste eido.

Ferrol en Común, considera moi grave o incumprimento dun acordo plenario relativo a un prego destas característica e que se atopa enquistado pola nefasta xestión dun goberno que nin cumpre cos traballadores e traballadoras da empresa de mantemento de parques e xardíns, nin cumpre coa oposición desta corporación, nin cumpre coa veciñanza desta cidade ao non realizar as xestións pertinentes e demandadas por cada parte, para sacar adiante un de tantos servizos que ten sen contrato durante o seu mandato.

Unha vez máis, a xestión do goberno local fronte a temas de cidade lévase en silencio e escurantismo, sen dar conta á oposición, incluso incumprindo acordos plenarios; pois temos que enterarnos novamente por terceiras partes das xuntanzas levadas a cabo por este goberno e nas que se posiciona do lado empresarial en vez de coidar as condicións laborais nas que os traballadores e traballadoras prestan o servizo de mantemento de parques e xardíns.

Ferrol en Común considera que o partido socialista é de todo, menos obreiro, pois segundo as informacións transmitidas a este grupo municipal, o goberno de Angel Mato actúa como boicoteador das negociacións entre a empresa e parte social, obrigando a rebaixar os dereitos laborais xa pactados con anterioridade. Estas actuacións non fan máis que amosar do lado do que se pon un goberno que alardea de defender os intereses dos traballadores e traballadoras cando en realidade o que busca é un pacto desfavorable para o persoal de parques e xardíns.

Ferrol en Común, atópase realmente decepcionado co goberno que apoiou no seu día co convencemento de que actuaría de acordo a uns valores e principios éticos compartidos por ambos grupos, pero que vemos como cada día afástase máis deles. Dende FeC, instamos novamente ao goberno local a cumprir a moción aprobada por toda a corporación no Pleno do 5 de novembro, aínda que sexa tarde, e a que comprométase a sacar adiante un prego coas melloras recollidas en dita moción, tanto para a parte social coma para a realización do servizo.