Ferrol, 23 de novembro de 2020

Se miramos aos datos ofrecidos pola ONU Mulleres e tamén aos informes remitidos polo Ministerio de Igualdade, o confinamento e as medidas de restrición da mobilidade que se impuxeron co motivo da pandemia da covid-19 favoreceron as situacións de risco nas que se atopan miles de mulleres que viven co seu agresor. Estas medidas de illamento non veñen máis que a propiciar comportamentos controladores e violentos no interior dos fogares nos que se está a sufrir violencia de xénero.

A loita contra o machismo que se exerce na súa peor cara, coma é no caso da violencia de xénero, ten que librarse dende todas as administracións e sobre todo dende o ente local, que é o máis próximo ás mulleres. Por iso, é de vital importancia que se destinen os recursos apropiados e suficientes para que o servizo de atención ás mulleres en situación de violencia machista non estea limitado baixo ningún motivo, sendo este un servizo esencial. Ademais, o goberno municipal debe dar prioridade a desenvolver accións de concienciación e educación para frear os comportamentos machistas nas vindeiras xeracións.

Ferrol en Común quere lembrarlle a este goberno que é fundamental que se tome en serio o compromiso coa igualdade e coa loita contra a violencia de xénero, desenvolvendo plans neste eido, realizando unha atención prioritaria ás mulleres e destinando recursos que dean cobertura a todos os proxectos desenvoltos nesta materia.

Hoxe, en xunta de voceiros comunicóusenos, que o 25 de novembro terá lugar un minuto de silencio, e Ferrol en Común pregúntase, onde están os minutos de silencio de todas as mulleres asasinadas dende marzo cando este goberno suspendeu esa convocatoria?

Fai menos dun mes, Ferrol en Común, xa lle afeou a este goberno a pouca seriedade co que se toma a área de Igualdade e os poucos esforzos que destina a ela. Unha casa da muller pechada e sen ningunha actividade. A renuncia un ano máis a unha campaña que tingue de negro cidades, coma é “En negro contra as violencias”. A escusa permanente da pandemia para non levar a cabo nin unha soa acción, nin tan se queira adaptar unha programación coma a do 25N as circunstancias actuais coma fan outros concellos. A área de igualdade ía a pique antes da crise sanitaria e agora practicamente está defenestrada.

Mentres amósasenos unha realidade onde as cifras de mulleres, fillos e fillas asasinadas segue sendo elevadísimo e cada vida que se quita dóenos a todas. Por iso, Ferrol en Común, ademais de amosar, coma xa fixo durante os seus 4 anos de mandato, o seu compromiso total pola loita pola igualdade e o rechazo absoluto á violencia de xénero, quere facer un chamamento a toda á veciñanza a asistir a manifestación do vindeiro mércores 25 de novembro ás 19.00h con saída da Praza Amada García.