Ferrol, 24 de novembro de 2020

Ferrol en Común ven de presentar en rolda de prensa a súa moción onde recóllense unha batería de medidas para diferentes ámbitos coas que facer fronte a crise socioeconómicas que está deixando a situación sanitaria na nosa cidade.

Ante a pouca iniciativa deste goberno municipal para sacar adiante un plan que abarque a todos os sectores afectados polas restricións e as persoas que se atopan en situación de vulnerabilidade, Ferrol en Común quere continuar pola senda do consenso e presenta esta moción para a súa aprobación no vindeiro Pleno Ordinario de novembro.

Esta moción fundaméntase en dous piares básicos, sendo un deles a parte social, onde é importante “recoñecer que nun estado de alarma coma o actual os servizos sociais teñen que por en valor o seu carácter esencial” explicaba a concelleira Xiana López, “o que significa que teñen que dar unha atención independentemente de cal sexa a situación e para iso deben contar con persoal técnico, medios e recursos”.

Na nosa moción recóllense medidas concretas para fortalecer eses Servizos Sociais. A primeira delas sería reforzar a área con máis persoal tanto técnico coma administrativo. Así coma habilitar un aloxamento alternativo para situacións de necesidade derivadas da pandemia. Coordinación con outras administracións e o terceiro sector para dar unha atención adecuada. Reforzar programas coma o de Educación Familiar ou desenvolvemento comunitario. E unha vez máis, Ferrol en Común, solicita a creación dunha Renda Social Municipal que dea resposta ás necesidades que se atopan en situación de vulnerabilidade. Este modelo de renda viría a cubrir as carencias doutras axudas coma o RISGA ou o Ingreso Mínimo Vital, para que ninguén quedase desprotexido.

Doutra banda, esta mesma moción contempla unha serie de medidas económicas destinadas a paliar a crise que están sufrindo todos os sectores a nivel local. Despois de levar a cabo xuntanzas con numerosos representantes do tecido empresarial, cultural, ocio nocturno, hostaleiros, comerciantes, persoas a título particular… elaboramos unha batería de medidas que recollen as súas demandas e que axudarían a frear o duro golpe económico que están a pasar.

Dende Ferrol en Común, “vimos insistindo dende marzo na necesidade urxente duns orzamentos express para salvar ás persoas” dicía Jorge Suárez, “participados e negociados, que é o que se pide na moción, activando dunha vez a participación cidadá para poder ter unha saída colectiva a unha situación sen precedentes” engadía o edil, uns orzamentos que de estar feitos estarían vixentes a día de hoxe e servirían para dar resposta a esta situación.

Unha das medidas que propoñemos é unha nova liña de subvención aberta similar ao PAME, pero “moito máis focalizada e simplificada nos trámites burocráticos” apuntaba Suárez. Outro dos puntos da moción recolle “a exención prometida pero aínda non cumprida da taxa de lixo e auga dos locais que mantiveron a súa actividade pechada” dicía o voceiro, “é non so iso, se non unha modificación das ordenanzas que rebaixen o tipo comercial” engadía.

Un punto clave da nosa moción é a proposta da creación de “bonos desconto” que coma explicaba o noso voceiro, “collemos modelos coma o da Coruña, Bilbao ou Santander onde existen estes bonos subvencionados polo Concello que incentivan que o comercio poida desenvolver unha recuperación subvencionada dende os que temos a responsabilidade que somos os poderes públicos” explicaba o edil. Estes bonos tamén poderían estenderse á cultura local, “un sector esquecido” apuntaba Suárez, para o que tamén recollemos medidas na nosa moción como sería potenciar a industria local cultural a través de contratos para a dinamización dos barrios.

A moción de Ferrol en Común incide na necesidade de que o concello volva ás portas abertas, “cremos que ese espectáculo dantesco nas portas do concello con xente acumulada ten que se solventar cunha sede electrónica que funcione verdadeiramente de xeito accesible e cun control ordenado dentro das portas do concello coa veciñanza que acuda a realizar algún trámite” explicaba Jorge Suárez.

Para rematar, o noso voceiro facía fincapé en que “o concello ten que ser firme co goberno central e a Xunta de Galicia, con aspectos como o tema cultural, a rebaixa do IVE, bonificación do IBI, exención da cota do SGAE mentres os locais estiveron pechados…”, propostas que tamén recolle a nosa moción e que agardamos conte co apoio de todos os grupos municipais, pois coma explicábamos ao principio, somos partidarios da participación e do consenso para chegar a amplos acordos que abarquen unha resposta a unha situación excepcional coma a que estamos vivir. 

Aquí podedes consulta a moción.