Ferrol, 25 de novembro de 2020

Na rolda de prensa desta mañá, Ferrol en Común, fixo unha breve valoración do recén presentado proxecto de Orzamentos da Xunta de Galicia para o vindeiro ano 2021, aprobado polo Consello da Xunta o pasado 20 de novembro e entregado ao Parlamento galego tres días despois.

Nesta valoración inicial, o voceiro de FeC foi contundente afirmado que “xunto coas previsións de investimento dos orzamentos do estado, a primeira idea que nos ven a mente é: que queren definitivamente liquidar a cidade de Ferrol”.

Dende FeC consideramos que son uns orzamentos que non dan resposta aos problemas da nosa cidade. Vemos como por exemplo “a competencia en materia de industria que ten a Xunta de Galicia desaparece por completo, non hai ningunha aposta polo emprego e non sabemos nada do noso astaleiro” dicía Jorge Suárez, “as consecuencias da falta de investimentos por parte das administracións vaise notar agravando a crise demográfica e laboral de esta cidade, o que vai facer que as axudas sociais sexan máis necesarias que nunca e sen embargo vemos como se conxelan os fondos asignados ao risga” explicaba o concelleiro.

Nestas contas autonómicas contémplanse coma sempre os privilexios para os máis ricos, cun imposto de sucesión ampliado ata o millón de euros. Así mesmo, aparecen intervencións “que non se vían dende tempos inmemoriais” comentaba Suárez, “en bens que pertencen a igrexa”, en vez de destinarte esas partidas á parte social para cubrir as necesidades das persoas que se topen en situación de vulnerabilidade e máis nestes momentos de crise socioeconómica.  

Doutra banda, tampouco se teñen en conta as crises vividas durante a pandemia nas residencias de maiores onde púxose de manifesto a necesidade do seu reforzo. En concreto, en Ferrol, “as desavenencias políticas entre o Alcalde de Ferrol e o Presidente da Xunta de Galicia fan que non haxa unha nova residencia de maiores na nosa cidade nin que a proposta aprobada no pleno de Ferrol, que foi incrementar o número de prazas coa construción dun novo módulo na residencia de Caranza sexa efectiva” lembraba Suárez.

No rural, o panorama non semella mellor pois “os investimentos que o ano pasado contaban con certa relevancia este ano pasan a ser meramente simbólicos” apuntaba o concelleiro.

En definitiva, os investimentos en infraestruturas para a nosa cidade non existen e polo tanto, dende Ferrol en Común, cremos que Ferrol, unha vez máis, está condenada polo Señor Feijoo ao ostracismo e a recuperación da confianza institucional na Xunta de Galicia xa é inviable. “Agardamos que no prazo de presentación de emendas, os deputados e deputadas que representan a nosa cidade, sexan quen de rectificar esta situación e que os investimentos que precisamos para xerar emprego sexan os suficientes, apostando por Ferrol coma polo industrial no norte de Galicia” remataba Jorge Suárez.