Atopámonos nun momento no que a comarca de Ferrolterra pide auxilio. A situación industrial da nosa contorna é crítica e en consecuencia miles de persoas encóntranse ao límite, entre a precariedade laboral e o desemprego. As listas do paro aumentaron en case 15.000 veciños e veciñas en Ferrol, Eume e Ortegal o pasado outubro, mentres a xuventude marcha en busca de oportunidades que aquí non atopa.

Esta comarca leva anos intentando sobrevivir con parcheos, solucións pobres e mínimos investimentos por parte do estado que non están á altura e non poñen fin a un estado de decadencia laboral coma a que estamos a vivir. O sector naval é fundamental para a supervivencia de moitos postos de traballo tanto directos, coma sobre todo indirectos, polo que é necesario que o goberno do estado mire cara o norte e sexa consciente da realidade que se está a vivir en Ferrolterra.

A nosa comarca precisa dun plan de choque integral, con obxectivos a longo prazo e unha aposta forte polo sector naval, se non, seguiremos a esmorecer lentamente ata quedar no total e absoluto abandono. A precariedade laboral, o desemprego e o deterioro económico e social xa están presentes entre a poboación de Ferrolterra que clama en busca de solucións.

Dende Ferrol en Común, apoiamos o calendario de mobilizacións que se está a elaborar dende a unidade sindical, para reivindicar investimentos na nosa comarca que impulsen o emprego e impidan o peche de empresas clave da nosa comarca.

FeC fai un chamamento a toda a poboación da comarca para que secunden a folga deste xoves 17 de decembro de 10.00h a 14.00h e participen na cadea humana dende a Praza de Armas ata o Concello de Narón. A crise que estamos a sufrir aféctanos a todas e é vital que xuntas reclamemos solucións para reactivar o noso sector industrial.