Ferrol, 18 de decembro de 2020

Unha das concellerías máis castigadas e esquecidas por este goberno municipal é a área de muller e igualdade. Os primeiros 6 meses de goberno, xa nos deixaron ver que as mulleres non estamos dentro deste goberno do PSOE, que se chama así mesmo progresista e feminista, e non aplica esas políticas na nosa cidade, relegando a toda unha concellería ao esquecemento permanente.

Unha concellería que durante 4 anos de goberno anterior tivo un forte impulso e relevancia realizando talleres, actividades e obradoiros para o colectivo feminino, iniciativas para poñer en valor a figura de mulleres esquecidas coma Ángela Ruíz, busca de referentes de gran calado coma Rebeca Atenza, programas educativos contra a violencia de xénero ou recuperaba a nosa memoria obreira dende unha perspectiva feminista.

Nunca puidemos imaxinar que estábamos a dar o noso apoio a un Alcalde que ten ás mulleres nun posto inferior ao resto de políticas da cidade, para mostra nin se queira lle preocupa se os minutos de silencio en recordo das vítimas e repulsa da violencia machista van volver a realizarse despois de meses sen saír ás portas do Concello coa escusa da pandemia.

É tal o desinterese amosado polo goberno local, que fai un ano (30 de xaneiro de 2020) que se aprobou polo Pleno da corporación a creación da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a violencia de xénero e levouse á comisión deste 17 de decembro o regulamento para poñela en marcha. Un ano é o que tardou este goberno en dar o seguinte paso na constitución deste mecanismo co que facer fronte ás violencias machistas.

O mesmo desinterese sofren as políticas de conciliación nesta cidade, ausentes dende que goberna Angel Mato. Dende FeC, xa reclamamos varias veces, incluso a través dunha moción, que se aprobou por toda a corporación e que se está a incumprir, programas para facilitar a conciliación nos períodos vacacionais como verán, nadal e semana santa e que eran tan ben acollidos pola veciñanza, pero de novo, vemos coma o goberno municipal deixa na estacada a centos de familias sen ofrecerlles unha solución dende o municipal para conciliar nos días de vacacacións. Son múltiples as opcións existentes: campamentos, servizos de canguraxe, coidados compartidos… só hai que mirar a outras cidades coma Coruña, Valdoviño ou Ortigueira, onde as familias si contarán con este servizo, porque a Covid non pode ser un impedimento para conciliar.

A programación de actividades da Casa da Muller cumprirá o seu terceiro ano sen se ofertar, pois xa estamos en decembro e nada sabemos do seu proceso de contratación, aínda que podemos intuír a resposta: pandemia. Esa é a escusa que se utiliza para agochar a incompetencia, a falta de interese e o pasotismo deste Alcalde nesta concellería.

Dende Ferrol en Común cualificamos de “ano en branco” este 2020 en cuestións de muller e igualdade, caracterizado pola falta de traballo, de compromiso e de iniciativas nun área que dende a toma de posesión deste goberno en xuño do 2019 está baleira de calquera contido, dando pasos cara atrás e sen tendencia a mellorar. FeC lamenta ter posto ao fronte desta corporación a un goberno incompetente que non é capaz de se tomar as políticas feministas e a loita contra as violencias machistas coa seriedade que merece.