Ferrol, 20 de xaneiro de 2021

A Deputación da Coruña ven de comunicar o reparto dos fondos POS+ deste ano 2021 entre os 93 municipios que conforman a nosa provincia. Divídense entre unha partida de 2,7 millóns para gastos sociais e 9,9 millóns para gastos correntes, obras, investimentos e amortización da débeda, segundo así o decidan cada un dos concellos da provincia.

O Plan Único de Concellos é unha achega de gran relevancia co que conta a nosa cidade dende o 2017, en substitución dos antigos POS e PAI, e que lle permite realizar certos investimentos para a mellora da cidade. Ferrol en Común, sempre apoiou a idea de destinar estes fondos na súa maior parte á zona rural, unha área ampla e onde habita gran parte da nosa veciñanza e que por desgraza aínda non conta con moitos dos servizos básicos que son precisos para desenvolver a vida con certa calidade, coma pode ser a iluminación, saneamento ou beirarrúas.

Dende FeC, agradecemos á concelleira Ana Lamas a súa actitude pro-activa en pro de chegar a un acordo para o destino dos fondos do POS+ e que recollera a nosa proposta de ir acomodando por fases a iluminación led na zona rural, comezando por Valón, Montecoruto, Cobas e San Xurxo. Así mesmo, agardamos que esta intervención vaia desenvolvéndose nos sucesivos anos en todo o rural e podamos, ademais do aforro enerxético, mellorar a calidade dunha iluminación pública que ten defectos estruturais dende fai demasiados anos. Neste sentido, FeC recoñece que a Concelleira de Obras e Servizos, estivo aberta a todas as propostas feitas, cando menos polo noso grupo municipal, e agardamos unha vez máis, que o camiño do diálogo e o consenso sexa a senda a percorrer a partir de agora. Ademais, temos que recordarlle ao goberno local que existe unha moción plenaria onde aprobouse por toda a corporación o compromiso de que todos os fondos do POS deben ser destinados á zona rural. Polo que FeC agarda que dita moción se cumpra e sirva para pagar progresivamente unha débeda histórica no transporte, nas beirarrúas, na iluminación… e en toda esta zona rural, para evitar deste xeito que haxa cidadáns de primeira categoría na zona urbana e de segunda categoría na zona rural.

Doutra banda, Ferrol en Común bota en falta unha actitude crítica do goberno local cara a Deputación da Coruña no reparto de fondos do POS que comparativamente co resto de concellos da nosa comarca, respecto á poboación e ás necesidades en tempos de Covid, é ridícula. Dende FeC demandamos unha posición crítica moito máis dura nesta asignación que deixa a Ferrol cun reparto máis desequilibrado do que nos gustaría a todas para poder acometer obras, investimentos e melloras na zona rural.

Para finalizar, lembrarlle ao goberno local que parte dos fondos do POS van destinados a gasto social, cifra que para o noso concello ascende a 158.120,57 euros, polo que sería un bo momento para cumprir outro acordo plenario no que aprobouse por toda a corporación a aplicación dun Plan de Reforzo para os Servizos Sociais do concello co que aumentar o persoal desta área, incrementar os recursos destinados a ela e por ende, mellorar un servizo que neste momento atópase sobrepasado pola situación de vulnerabilidade de moitos máis veciños e veciñas debido á crise sanitaria que estamos a vivir.