Ferrol, 26 de xaneiro de 2021

Jorge Suárez, voceiro de Ferrol en Común, ven de presentar en rolda de prensa as dúas mocións que o grupo municipal levará ao Pleno de xaneiro para o seu debate. Unha relativa á situación industrial da comarca, para lograr un posicionamento común de toda a corporación e comezar a traballar unidos polo futuro da nosa cidade; a outra é relativa á petición dun espazo no barrio de Canido para Fernando Miramontes.

O voceiro do grupo municipal Ferrol en Común amosou a súa preocupación pola situación que está a atravesar á nosa comarca. As últimas decisións sobre o peche de Gamesa e Endesa, sumados aos anteriores de Poligal, a falta de pedidos para Navantia e outras empresas da comarca, sobre todo as adicadas ao sector naval, atópanse en situación de peche ou próximas a ERTES e ERES e demais circunstancias que non auguran un futuro nada alentador.

Pero esta fotografía en branco e negro “é consecuencia dunha serie de decisións que ven de moi lonxe”, recordaba Jorge Suárez, “unha cuestión de vontade política dos dous grandes partidos que forman o Partido Popular e o PSOE, que nas primeiras reconversións non tiveron unha resposta pública e adecuada a través dos diferentes plans de reactivación, dende o Plan ZEP ata o máis recente, o Reindus, e ningún deles conseguiu o que pretendía” explicaba o voceiro, entendendo que a finalidade destes plans era o mantemento dos postos de traballo do sector industrial para que esta comarca seguise viva.

Dende Ferrol en Común asistimos coma espectadores da multitude de mesas creadas e fotos con diferentes institucións, marcadas por unha presa de saír antes que ninguén reunido cos Comités de Empresa pero poucas medidas en dirección a manter a industria nesta comarca. “Non existe unha asunción directa por parte das institucións do goberno do estado ou da Xunta de Galicia de intervenir as empresas” dicía Suárez, “non se quere oír nada deste tema” engadía e lembraba empresas coma Endesa, Telefónica ou Cepsa que anda fai pouco formaban parte da carteira de empresas públicas. “Ese camiño debe reverterse e debe volver a impulsarse unha intervención pública da economía ou estaremos abocados ao que ninguén quere pero ninguén evita que é a perda de poboación, o desemprego e o incremento da taxa de pobreza” aseguraba o voceiro.

Jorge Suárez, lembraba que a construción dun BAM estivo no debate de campaña das pasadas eleccións municipais, sendo algo no que había consenso entre todos os partidos, “por iso sorpréndenos que unicamente se impulse cara o sur do estado a construción dun buque mentres aquí temos un año e medio por diante de baleiro industrial” comentaba Suárez.  

Nesta moción coa que FeC busca un posicionamento común de toda a coporación para afrontar unidos a tráxica situación industrial da comarca, tamén “amosamos o noso apoio e animamos a todas as organizacións sindicais, sociais, veciñais, políticas e toda a cidadanía a participar na folga convocada para febreiro” dicía o edil e continuaba explicando que “esta folga pode aumentar a presión política para os que teñen que tomar as decisións e dispoñen dos orzamentos públicos para poder tomar as medidas necesarias.”

A última proposta que FeC leva na súa moción é a relativa ao acordo asinado entre este grupo municipal e o Sr. Alcalde: a creación dunha mesa técnico-política onde estean representados tantos os sindicatos coma todas as forzas da corporación e “deixar dun lado a reunión de alcaldes socialistas, a reunión de alcaldes da manconunidade e outras” enumeraba o voceiro de FeC, “e actuemos duncha vez de forma unitaria e conxunta para que máis alá de titulares consigamos algo firme para a nosa comarca” remataba Suárez.

Moción relativa a un espazo para Fernando Miramontes

Ferrol en Común presenta esta moción que para nós vai máis aló do emblemático e sentimental, pois ten un valor político moi importante e coa que queremos que se destine un espazo público no barrio de Canido a unha persoa que cremos ten o respaldo socio-político de todos os espectros da cidade como é Fernando Miramontes.

Dende FeC lamentamos o seu pasamento pero non queremos quedarnos na tristura dun feito puntual se non facer fincapé en todo un percorrido vital de loita pola igualdade e a xustiza, de coherencia, de honradez e de valores democráticos. Coma ben amosouse estes días, o seu recoñecemento non só é iniciativa dos que pertencemos a súa organización, dos que somos os seus amigos e camaradas se non de todas as persoas do ámbito político de Ferrol.

Jorge Suárez aproveitaba para agradecerlle ao Alcalde “o apoio no Pleno extraordinario no que fixo unha semblanza de Fernando onde loubouse a súa actitude durante a última etapa da ditadura e o principio da democracia, que sentaron os piares para o desenvolvemento de Ferrol coma cidade moderna” do mesmo xeito, agradeceu tamén ao voceiro do PP “tanto as súas mostras de cariño dentro do Pleno coma fora el, aínda que estea noutra punta da ideoloxía a súa elegancia quedou amosada nesa sesión plenaria e fora dela coa familia de Fernando Miramontes”, lembraba o voceiro de FeC.

O que pedimos é algo sinxelo e segue a liña do iniciado polas entidades do barrio de Canido e  por Esquerda Unida, organización á que pertencía, coma o PC, “cremos que é importante que a súa pegada quede indeleble no tempo e que teña un espazo público onde a súa figura sexa difundida e coñecida polas vindeiras xeracións, que aprendamos coma se debe exercer a democracia, con respecto aos demais, respecto aos veciños e veciñas e buscando solucións aos problemas diarios” explicaba Jorge Suárez.

Polo que con esta moción, ademais do espazo público adicado a súa persoa, tamén consideramos que merece un lugar no Salón de Plenos en forma de cadro, do mesmo xeito que están Xaime Bello, Juan Juncal e o resto de Alcaldes, pois tal e coma foi manifestado polo actual Alcalde “foi o Alcalde accidental que máis veces exerceu ese cargo”, debido a circunstancia de Deputado de Couce Pereiro.