Ferrol, 9 de febreiro de 2021

A nosa comarca non está a pasar un dos seus mellores momentos, iso pode palparse na rúa vendo coma cada día traballadores e traballadoras do naval, de Endesa, de Gamesa, autónomos e autónomas, sector hostaleiro ou colectivo cultural están a reclamar traballo, un traballo que en vez de aumentar vaise diluíndo entre promesas duns e doutros.

Sumado a esta grave situación laboral, o estado das infraestruturas que conectan a nosa comarca co resto da provincia, do país e do estado, non están a mellorar coma vimos demandando dende fai anos, se non todo o contrario: estase a desmantelar o servizo público de ferrocarril, o que trae consigo máis desemprego, máis precariedade laboral e uns servizos de peor calidade para a toda a veciñanza.

Ferrol en Común, fai tempo que ven demandando, non só mellores conexións viarias e bo mantemento das mesmas, se non tamén denunciando a merma de traballadores e traballadoras no sector viario, debido ao incumprimento da taxa de reposición, o que provoca a perda dun gran número de postos de traballo. Na xuntanza que mantivemos fai uns meses co Comité Provincial de ADIF, xa nos alertaban desta problemática, con datos alarmantes coma que nos vindeiros 4 anos xubilaránse máis de 2000 traballadores e traballadoras que seguindo as políticas actuais non se verán cubertos con novo persoal. Deste xeito, a empresa de ADIF estase a encamiñar cara un modelo de xestión cuxa prioridade deixa de ser cubrir as necesidade da cidadanía, coma todo servizo público, e aposta pola externalización de actividades e privatizacións paulatinas en numerosas áreas da empresa, o que supón perda de carga de traballo, peche e restructuración de dependencias e incumprimentos de servizo, así coma problemas no mantemento por parte de algunhas empresas contratadas.

En Ferrol, xa estamos afectados por ditos recortes, pois fai tempo que non existe persoal de atención ao público na Estación de Tren o que da lugar a numerosos problemas no servizo de gráficos. O persoal de a bordo tamén estase a ver reducido o que conleva unha menor atención aos viaxeiros e viaxeiras, así coma o persoal de loxística e mantemento de vías, que da lugar a un servizo deficitario que se pode ver interrompido en calquera momento por unha incidencia na vía ou por mala previsión.

Todos estes recortes e privatizacións que ADIF está a levar a cabo, aféctanos directamente nun servizo de ferrocarril xa de por si deficitario e que se está a converter nun transporte cheo de carencias pola falta de persoal e as externalizacións que diminúen a súa calidade.

O Comité Provincial de ADIF, ven de facer públicas as súas reclamacións e de sumarse aos paros e mobilizacións que terán lugar nos vindeiros días. Ferrol en Común, coma defensor duns servizos públicos de calidade e coma xa demandou en numerosas ocasións, únese aos traballadores e traballadoras nas súas reivindicacións e quere amosar todo o seu apoio na loita contra a privatización e a perda de postos de traballo dun servizo que debera mellorar en vez de precarizarse cada vez máis.