Ferrol, 18 de febreiro de 2021

Onte tivo lugar o Consello Sectorial de Muller no que se debateu, nun dos seus puntos da orde do día, a proposta para o galardón 8M.

Dende Ferrol en Común propuxemos para dita homenaxe ás traballadoras do servizo de axuda no fogar, pois neste ano tan complexo foron un colectivo clave para doitar de coidados ás persoas máis vulnerables da pandemia e todo nunhas condición precarias e nada seguras.

Viñamos sendo moitas as que, convocatoria tras convocatoria do 8M nos últimos anos, demandábamos colocar no centro das políticas á vida, é dicir, poñer rostro ao traballo invisibilizado que se nos impuxo de xeito estrutural ás mulleres. E chegou o ano da pandemia e observamos como o feble sistema de coidados no noso, mal chamado “estado do benestar” resquebraxouse, e como unha lousa, os limitados avances acadados por anos de loita feminista foron postos en “corentena”. A vida continuou e neste ano moitas mulleres volveron a vivir dobres ou triples xornadas laborais, que medraron exponencialmente recaendo outra vez e con máis peso nas nosas costas das de sempre: mulleres, precarias, invisibilizadas, con salarios por debaixo da media e incluso, as que sequera salario teñen.

Dende o feminismo, somos conscientes de que a vida é interdependencia, e que os avances que acadamos na conquista dos dereitos que por xustiza nos corresponden foron froito diso, da cooperación e das loitas feministas. Non debemos perder a perspectiva do que supón a reivindicación do 8 Marzo, día Internacional da Muller Traballadora, cobre salario ou non.

Por todo isto, dende Ferrol en Común propuxemos ao Consello Sectorial de Muller dirixir esta homenaxe cara a colectividade das mulleres que durante este ano padeceron as consecuencias sociais da pandemia e que se ven representadas no colectivo de traballadoras de atención a domicilio.

Non podemos máis que celebrar e agradecer os apoios recibidos onte en dito Consello e felicitar ás traballadoras do SAF que o vindeiro 8 de Marzo verán recoñecido a súa incansable e invisible labor tan necesaria nesta sociedade.