Ferrol, 23 de febreiro de 2021

Hoxe en rolda de prensa o voceiro de Ferrol en Común presentou as tres mocións que o grupo municipal levará a un extenso Pleno o vindeiro xoves para o seu debate.

As mocións rexistradas son textos moi sinxelos pero con contido de vital importancia para os veciños e veciñas do rural de Ferrol, “cremos que estas mocións veñen derivadas da falta de participación que o goberno local fomenta con toda a cidadanía” dicía Suárez, “pois non hai ningún mecanismo de interlocución directa coa veciñanza para poder trasladar os problemas diarios en materia de servizos ou infraestuturas” afirmaba o voceiro de FeC.

A primeira das mocións ten que ver cunha serie de actuacións de mellora en Serantes, unha das zonas máis populosas do rural con case 4000 habitantes e que xa ven reclamando dende fai tempo cuestións moi concretas que recollemos na nosa moción. As beirarrúas que conectan Serantes con Ferrol foron iniciadas durante o mandato de FeC, “e rematouse a primeira fase deixando a segunda moi avanzada, polo que non entendemos porque aínda non están iniciadas as obras que garantan a seguridade peonil e viaria nesa zona tan perigosa” apuntaba o edil; outra das reclamacións que veñen de lonxe é a seguridade na estrada do raposeiro e todo o continúo que vai dende a estrada de cobas, “xa que unha zona de moito tráfico e gran velocidade que causa un elevado risco para a seguridade viaria por falta de mecanismos de sinalizacións ou sistemas de control do tráfico rodado que permitan garantir a plena seguridade” comentaba Suárez; así mesmo, no mandato de FeC iniciouse unha obra importante que deu acceso mediante beirarrúas á Igrexa Parroquial de Serantes dende a Avenida 19 de febreiro e que “tal e como estaba proxectado, pedimos que se inclúa no orzamentos municipal o tramo dende a Igrexa ata a Avenida de Grandal” explicaba o concelleiro. Ademais destas demandas tamén se recollen outras actuacións coma a necesidade dun aparcadoiro que dea servizo a gran afluencia de persoas cara a universidade, as vivendas sindicais, o centro de saúde… e o planeamento dunhas novas beirarrúas que vaian dende o campo de adestramento do Racing ata a Avenida 19 de Febreiro.

Todas estas peticións “son obras de suma importancia, de non alto valor económico pero si alto valor social e que os veciños e veciñas de Serantes veñen reclamando dende fai tempo” remarcaba Suárez, para continuar explicando que “as realizamos dun xeito construtivo e positivo, e tratando de chegar a acordos cun goberno que cremos debe buscar os consensos necesarios nestes tempos tan complexos”.

A segunda das mocións tamén é relativa ao rural, en concreto a Prioriño que comprende O Confurco e O Pieiro, tendo neste último lugar problemas de suministro de electricidade e auga. Nomeadamente en todo o Prioriño non gozan dunha efectiva rede de conexión a internet, algo que debera de estar garantido coma un servizo público esencial. No concreto ao Pieiro e aos seus problemas de auga e luz, que son un denominador común en moitas zonas rurais e que ocasionan grandes inconvintes aos veciños e veciñas do lugar. Por elo, “pedimos que o goberno local faga de intermediario entre as empresas responsables destes suministros e a veciñanza para mellorar estes servizos e evitar futuros cortes de luz e abastecemento de auga” solicitaba Suárez e rematada cunha paradoxa, pois “moi próximo está o porto exterior que goza da máxima calidade no sumistro de auga, electricidade e incluso internet, mentres os veciños e veciñas non o teñen”. Lembraba tamén “que todos e todas nalgún momento loitamos porque os cidadáns da zona rural non fosen de segunda categoría” e para que isto non suceda “ten que darse accións concretas con partidas específicas que convertan nunha realidade que a zona rural teña a mesma equivalencia que vivir na zona urbana” rematada o voceiro.

A última das mocións é relativa á mocidade, “se alguén pode verse perxudicada nunha cidade onde a falta de emprego, a perda de poboación e a situación da taxa de risco socioeconómico de entrar en exclusión social é moi elevado son os mozos e mozas da nosa cidade” dicía o edil. Por iso, dende Ferrol en Común consideramos que “fai falla unha actuación decidida, unha actuación local e por iso propoñemos a creación dun Plan de Mocidade transversal que abarque a todas as areas que poidan satisfacer as necesidades en materia de emprego, vivenda, educación, benestar físico e emocional e creación cultural” explicaba Suárez, para que todo iso sexa posible é necesario establecer canles de diálogo e acreditar partidas orzamentarias para que fagan de Ferrol “unha cidade de oportunidades”, remataba o voceiro de FeC.