Ferrol, 6 de abril de 2021

Ferrol en Común ven de presentar no día de hoxe as súas alegacións á Ordenanza de Tráfico, Circulación e Seguridade Viaria ao fin do seu estudio e debate, considerando necesario aprobar unha ordenanza que poida ser utilizada coma un instrumento para regular o tráfico rodado e peonil, así coma zonas de carga e descarga, rúas peonalizadas  ou o uso dos espazos da vía pública, o que dará lugar a unha total seguridade viaria. 

Dende FeC consideramos positiva para toda a cidade a aprobación desta ordenanza que ven a dar continuidade a un traballo xa iniciado no noso mandato. Así mesmo, este grupo municipal pon unha atención especial na aplicación e cumprimento dos anexos que completan a ordenanza e na que se contempla a peonalización de varias vías, unha peonalización que sempre foi defendida e apoiada por este grupo. Por iso, agardamos que a ORE sexa un punto de partida cara unha cidade máis peonil e máis humanizada.

Doutra banda, temos que afear a falta de transversalidade que se amosa nesta ordenanza pois non ven acompañada dun traballo multidisciplinar, nin cronograma e orzamento, necesario para a súa aplicación, sobre todo para os citados anexos. Por iso, a través das alegacións presentadas, instamos ao goberno local a que inclúa e promova de forma inmediata unha mesa de traballo, ampla e participada, para que o relativo a zonas peonís e zonas de aparcadoiro regulado non queden soamente coma texto dunha ordenanza. 

Para finalizar, FeC considera importante promover a educación viaria coma se viña facendo co goberno anterior, no que se desenvolveu a Escola de Mobilidade dentro do pavillón 5 do recinto ferial da Malata, coa finalidade de educar en materia de seguridade vial tanto aos máis pequenos da cidade coma a toda a veciñanza.