Ferrol, 7 de maio de 2021

As falacias do alcalde de Ferrol, Ángel Mato, quen se comprometera a desenvolver, polo ben da cidade, unha proposta de orzamentos conxunta con Ferrol en Común, dando continuidade ao pacto programático de goberno, voan polos aires toda capacidade de entendemento con este Partido Socialista, moi afastado doutras correntes e que mira polos seus intereses electoralistas en lugar de interpelar á veciñanza sobre as súas demandas.

Foi xa no mes de decembro cando no despacho de alcaldía se acadara ese acordo de colaboración, e hoxe escoitamos con sorpresa e vergoña como se presenta publicamente un orzamento, sen tan sequera convocar, como é costume democrática, xunta de voceiros para presentalo aos grupos, o que dá mostra de que estas formas ditatoriais van desembocar nunha cuestión de confianza.

Non coñecemos as propostas, investimentos, cadro de persoal, xestión de servizos que este goberno pretende. Si sabemos todas as mocións plenarias aprobadas, con actuacións concretas, e a folla de ruta común dos principais partidos da cidade, polo que, unha vez que este equipo de goberno decide marcar o camiño sen escoitar ao resto de grupos, Ferrol en Común comprométese a desenvolver unha proposta propia que dea resposta a prioridades de cidade e non de goberno nun momento puntual concreto, un goberno xa amortizado que non pasa da política de anuncios sen medidas efectivas, sen responsabilidade, sen diálogo político e social que aplica a política de deixar pasar o tempo sen ruído, sen acción, nunha parálise como estratexia silente para tratar de reeditar mandato ou utilizar o cargo para escalar a un lugar mellor, deixando atrás as necesidades da nosa veciñanza.