Ferrol, 13 de maio de 2021

No día de onte tivo lugar a primeira reunión sobre os orzamentos a que acudimos os tres concelleiros de Ferrol en Común con Ángel Mato e Julián Reina ante a que este grupo fai as seguintes consideracións:

– A reunión deu comezo ás 18:40, sendo a recepción do Racing ás 19:00 horas, de onde se deduce a escasa ou nula intención de negociar un documento vital para o futuro dunha cidade que esmorece pola irresponsabilidade e hermetismo do actual alcalde.

– O alcalde recoñeceu que existía un compromiso de traballar conxuntamente con FeC un orzamento e presentalo publicamente, como acordo positivo e exemplarizante da esquerda ferrolá, pero manifestou sen rubor que foi unha decisión política prescindir dos que apoiaron a investidura na elección das políticas locais de futuro para a cidade con consignación orzamentaria.

– O documento presentado aos medios non contén os mínimos para ter unha idea global de ingresos e gastos, polo que solicitamos a documentación que falta para poder estudar o borrador. Ademais de carecer de realismo para ter vixencia unicamente, como moito, cinco meses, polo que dende FeC estimamos:

  • Esta declaración de intencións, máis que orzamento, ten un sesgo marcadamente ultraliberal, ao considerar que a licitación de obra pública é máis que suficiente para resolver os problemas socioeconómicos estruturais da nosa veciñanza, sen políticas directas en materia de emprego e benestar, aplicando as mesmas solucións a situacións dramáticas e totalmente diferentes.
  • Non existe coherencia nin proxecto de cidade: lévanse partidas de actuacións urbanísticas sen proxecto constituído, descoñecemos o modelo de saneamento, non se implementan medidas acompañadas ao desenvolvemento do PXOM ou o plan director do CHUF, a zona rural non existe, o desequilibrio entre barrios é evidente e as políticas sociais e laborais son ignoradas.

Malia todo imos procurar no máis breve prazo suplir o que este orzamento non ten, participación e consenso, reuníndonos co tecido social coa fin de coñecer as verdadeiras necesidades da veciñanza e poder levar adiante unha negociación responsable, participada i en positivo, realizando propostas que melloren este borrador de orzamentos e por tanto, a vida dos cidadáns e cidadás.