Ferrol, 3 de xuño de 2021

Dado que o borrador das contas de Angel Mato carece de proxecto de cidade, Ferrol en Común, co obxectivo de aportar a participación da que os orzamentos carecen, está a levar a cabo multitude de xuntanzas con asociacións veciñais e entidades co fin de recoller as demandas dos barrios e suplir as carencias que presenta este primeiro borrador, entregado parcialmente fai un mes e sen noticias dende aquela, o que denota unha total falta de interese por parte do goberno local de sacar adiante os seus propios e primeiros orzamentos despois de dous anos de mandato.

No día de onte, Ferrol en Común acudiu a Ferrol Vello, un barrio que garda a esencia da nosa cidade e que precisa de numerosas intervencións que melloren as súas rúas, casas e prazas para o benestar non só da súa veciñanza se non tamén de todos os ferroláns. Nesa liña, durante o mandato de Ferrol en Común, deixou resoltas os proxectos de reurbanización da rúa Carme Curuxeiras, Manuel Comellas e Espartero, que mellorarán con creces este barrio, ademais de deixar encamiñada a obra da rúa San Francisco.

Así mesmo, no borrador do goberno socialista contémplase a actuación nesta rúa San Francisco, unha actuación moi necesaria dado o estado da rúa. A segunda e última partida que vai destinada a Ferrol Vello, ten que ver coa rehabilitación da Casa de Carvalho Calero, unha decisión que FeC apoia pero non comparte a forma da recuperación, nin a idea que ten o goberno local sobre os futuros usos do edificio. A nosa proposta pasa pola apertura dun concurso de ideas no que a cidadanía poida participar e decidir o modelo de reforma que queren para un barrio que non debe perder a súa esencia con edificacións modernistas, tal e coma presenta o goberno de Mato, que nada teñen que ver cunhas rúas e casas coma as que se atopan en Ferrol Vello.

Outra das nosas propostas para este barrio é a reforma integral da Praza Vella, un espazo moi concorrido tanto por nenos e nenas coma por adultos, que ademais é escenario de numerosas feiras e espectáculos ao longo do ano e que a día de hoxe precisa dunha intervención que mude a súa faciana e convértaa nun lugar agradable para o desfrute de toda a cidadanía.

Por último, se o goberno local dignárase a recibir e falar coa veciñanza saberían que en Ferrol Vello levan tempo loitando para ter un caixeiro, cousa altamente necesaria tendo en conta que é punto de partida do Camiño Inglés e o porto onde chegan numerosos cruceiros ao longo do ano. Doutra banda, dende que a pandemia se instalou nas nosas vidas o servizo de atención médica foi eliminado e aínda non reposto. A implicación nestas cuestións son as que diferencian a un goberno preocupado pola cidadanía e traballando pola veciñanza e un que se esconde detrás das portas do Pazo deixando que sexan os titulares os que fagan o traballo por el.