Ferrol, 10 de setembro de 2021

Suso Basterrechea, concelleiro de Ferrol en Común, ven de ofrecer unha rolda de prensa na que lamenta a «parálise cultural» na que está sumida esta cidade. Nas súas declaracións recóllense numerosas razóns que motivan e explican o cualificativo de «parálise», comezando polo peche dos locais de ensaio, que levan sen actividade dende o 12 de novembro de 2020.

Ferrol en Común considera de vital importancia que a nosa cidade con grandes inquietudes culturais, posúa un espazo onde os músicos locais poidan desenrolar a súa actividade, sendo unha forma de apoiar e potenciar aos artistas da cidade. De feito, “este espazo comezouse a xestar no ano 2008, cando Yolanda Díaz era concelleira de cultura, funcionando con regularidade ata este momento”, recordaba o edil. Na actualidade, ensaian nestes locais 20 grupos musicais que dende fai case 1 ano ven pechado este espazo coa escusa por parte do goberno local de que non hai contrato, “unha cuestión que afecta a todos os centros culturais do concello e non por elo están pechados” aclaraba Basterrechea.

Outra das grandes desaparecidas na panorámica cultural da nosa cidade dende que tomou posesión este goberno é a Banda Ferrolá de Música. Dende FeC xa amosamos a nosa preocupación en reiteradas ocasións tanto no Pleno, coma nas escasas comisións convocadas dende a área de cultura. “As últimas noticias oficiais que temos en relación a este tema datan de maio, onde informouse por parte do goberno local que se estaba á agarda dun convenio entre o Concello e o Conservatorio” explicaba o edil, aclarando tamén que “sabemos por outras vías, que o convenio foi rexeitado e sospeitamos que non hai un plan B e que a aspiración deste goberno é deixar morrer a Banda co maior silencio posible” remataba Suso Basterrechea.

Outra cuestión que pon de manifesto a deixadez deste goberno municipal é a falla do Ciclo de Teatro Amador (Domingos a Escena) que se levaba a cabo con éxito en Caranza e “que con este goberno non desenrolou nin unha soa tempada, o cal parécenos dramático para o tecido cultural da cidade, tanto polo que afecta ás compañías de teatro coma polo público, que enchía domingo tras domingo este espazo”, apuntaba o concelleiro de FeC.

Do mesmo xeito, a ausencia do Premio de Gravado Máximo Ramos, amosa o abandono cultural que está a sufrir este concello. Este certame “é o premio cultural máis antigo da cidade, de importancia internacional, alcanzando un altísimo nivel e no que participaban grandes artistas” explicaba Suso Basterrechea. “Entendemos que o 2020, ano no que tocaba convocar a súa XXVI edición, foi complicado, pero neste 2021 xa se están a desenrolar todo tipo de premios culturais e non existe convocatoria do Máximo Ramos por parte do concello” facía fincapé o edil.

A ausencia de citas coma Fora do Mapa, o festival Porta Máxica, a reconversión de Jazz da Ría ou a inconcreción doutros ciclos culturais de gran aceptación por parte da veciñanza, poñen de novo de manifesto a falla dunha liña cultural por parte do goberno local, que prefire levar a cabo enquisas online con escasa participación e poucos froitos, que implicarse e apoiar ao tecido cultural da nosa cidade.

Por último, o concelleiro de FeC afeaba a programación do carto trimestre, recén presentada polo goberno local, considerándoa “rutinaria, sen personalidade e sen aportar nada diferenciador a outras programacións da contorna” ademais de “non se complementar coa programación de Narón, cos que compartimos espectadores”, remataba o concelleiro aclarando que “é unha crítica á xestión política e respectamos ante todo aos e as artistas e músicos”, pero dende FeC consideramos que con este tipo de programacións pouco traballadas e carentes de ambición, Ferrol da pasos cara atrás no ámbito da cultura, sobre todo tendo en conta o logrado en anos anteriores onde a nosa cidade era un referente cultural e o tecido artístico víase apoiado, escoitado e arroupado por unha concellería que se implicaba e traballaba pola cultura ferrolá.

Por todo elo, dende FeC non podemos máis que lamentar este retroceso cultural e esta falla de coidados ao tecido local que desencadean nunha parálise e abandono da cultura da nosa cidade, e por suposto, exixir a recuperación de todos os ciclos, premios e certames que o goberno local deixa de lado, así coma a reactivación inmediata dos locais de ensaio e a busca de solucións para unha Banda Municipal que debería ser orgullo da nosa cidade e non un problema que hai que deixar morrer.