Ferrol, 14 de setembro de 2021

Logo de que en xullo de 2020 se anunciase con fanfarria e atril un acordo histórico coa autoridade portuaria, que non era máis que a continuidade do traballo desenvolto na última década, os terreos afectados polo convenio seguen sen estar a disposición do Concello de Ferrol.

Nunha burda rolda de prensa e un pleno ridículo onde se revestía da capa de Superlópez, o alcalde Ángel Mato, sen información previa aos grupos e gabándose dunha condonación económica á Autoridade Portuaria inasumible, proclamaba unha actuación que non supuxo a día de hoxe ningún efecto práctico, máis ben ao contrario, os terreos afectados, -que inclúen terreos como zonas veciñais da Cabana, a estrada alta do Porto en Ferrol Vello, o campo de kayak polo, as pistas de atletismo, e mesmo o estadio do Racing na Malata, ata sumar máis de douscentos mil metros cadrados- seguen a ser de titularidade do Porto, co que implica a parálise de actuacións urbanísticas e patrimoniais que non admiten máis demora.

Nesta situación de escurantismo total, onde ningún membro do goberno é quen de informar en comisión do estado actual dese convenio, posto que “é un tema de alcaldía” en boca de todos eles, non sabemos tan sequera se o convenio está asinado polo Alcalde, se os terreos están en proceso de desafectación polo Ministerio de Fomento, se a implicación afecta ao convenio co Servizo de Bombeiros de Ferrol, asinado para esta anualidade pero con incertezas para o futuro e o cobro dos 80.000 euros que representa, toda vez que está a extinguir en canto se efectivice o traslado dos terreos ao Concello de Ferrol.

Ferrol en Común denuncia unha vez máis a sostida campaña de propaganda deste mandato, que non ten máis realidade práctica que a xeración de incertidume, paroxismo e frustración nunha cidade con necesidade de actuacións firmes e decididas para a recuperación, e, en concreto con esta actuación:

1- Está a impedir, por non acreditarse a titularidade, o avance das obras da Deputación na fase 3 das beirarrúas da Cabana.

2.- Estase a ralentizar a sinatura para a cesión do campo da Malata ao seu único usuario, o Racing de Ferrol, cos conseguintes problemas financeiros e deportivos á masa social que isto supón.

3.- Renúnciase a calquera acción xudicial polos incumprimentos coa cidade de Ferrol por parte da Autoridade Portuaria en materia de facenda local, respecto a taxas que véñenselle reclamando dende tempos inmemoriais.

4.- Ponse en perigo o subministro de materias ao Servizo de Bombeiros do Concello de Ferrol, pois a futura eliminación do convenio de 80.000 euros anuais para a compra de material coa Autoridade Portuaria non foi suplida cunha partida específica no Orzamento municipal.

Por todo isto, Ferrol en Común esixe información clara e precisa do estado do convenio, se é que foi asinado, en que estado de tramitación se atopa e cales foron as actuacións da alcaldía ante o Ministerio para clarexar un asunto que dista moito de ser transparente e democrático.