Ferrol, 14 de setembro de 2021

A atención primaria forma os piares fundamentais que sosteñen a nosa sanidade pública, sendo o primeiro contacto e porta de entrada da veciñanza cara a solucionar os seus problemas de saúde.

Xa en abril de 2019, a atención primaria chegou a unha situación límite, pola falta dunha xestión adecuada, a escaseza de recursos e sobre todo de persoal, que impedía a realización do traballo en condicións de dignidade, tanto para os pacientes coma para os profesionais, demandando por parte de todos os colectivos sanitarios un novo modelo de atención primaria.

Sen ningunha mellora dende aquela, chegou a pandemia da Covid-19 que tensionou a todo o sistema sanitario e sobrecargou aínda máis aos profesionais da atención primaria, deixando ao descuberto os problemas estruturais e as enormes eivas que se levan arrastrando durante anos neste servizo de atención primaria.

Neste momento, a situación segue sen mellorar e incluso empeora, pois son numerosas as carencias dos centros de saúde que amosan as dificultades coas que os sanitarios teñen que atender á cidadanía, principalmente pola falta de persoal, que aínda se ve máis agudizado polo período estival no que non se cobren as vacacións, xerando máis agotamento, frustración e demoras nas citas médicas e empeorando aínda máis se cabe un servizo que é fundamental na prevención, detección e coidados primarios de toda a cidadanía.

Agardas de 15 días para unha cita telefónica co médico/a de cabeceira, listas de agarda superiores a 70 días para unha ciruxía, esperas de máis de 2 meses para unha consulta con especialistas… son algunhas das problemáticas que calquera cidadá de Ferrol, e non só de nosa cidade, pode atoparse cando ten unha doenza.

Dende Ferrol en Común consideramos que o modelo de atención primaria non funciona, non está a cubrir as necesidades das persoas que acoden aos centros de saúde e vense desatendidas por falta de persoal, agardando longos períodos de tempo por unha cita que segue a ser telefónica. Ao mesmo tempo, este modelo xoga en contra dos profesionais sanitarios que cada día aplaudíamos ás 20h mentres as institucións están a descoidalos con condicións laborais precarias, axendas médicas insostibles e sobrecargas de traballo, cuestións que repercuten negativamente na función principal da atención primaria.

Por iso, dende FeC exixímoslle á Xunta de Galicia que aborde de xeito urxente a debilidade da atención primaria, provocada por anos de recortes e cero investimento por parte do presidente Feijoo. Consideramos que é máis necesario que nunca reverter esta situación e reforzar a atención primaria dotándoa do persoal necesario e en condicións laborais estables e dignas, para que este servizo funcione.