Ferrol, 23 de setembro de 2021

No día de hoxe asistimos á rolda de prensa levada a cabo polo Club de Fútbol Sala Feminino Valdetires Ferrol, na que amosaban a súa inquedanza pola débeda que o Concello de Ferrol contrae co seu club impedíndolles realizar a súa actividade o que pode desencamiñar incluso a súa desaparición.

O Valdetires ven practicando fútbol sala feminino dende 1983, permanecendo 19 anos consecutivos na División de Honor Feminina e atopándose actualmente na Segunda División Nacional, disputando encontros ao longo do territorio no que o nome de Ferrol destaca entre o deporte feminino.

Este histórico club, que fomenta os valores da igualdade, vese na actualidade sumido nun momento de dificultade económica que o goberno municipal non está sendo quen de solucionar. A falta de comunicación xunto coa carencia de entendemento e predisposición por parte do Concelleiro da Area para acadar unha solución que poida reverter a situación económica actual do club, están a provocar non só a frustración por parte do Valdetires, se non tamén deste grupo municipal de Ferrol en Común, que reclamamos xunto á entidade de fútbol sala a busca de solucións urxente para o pago da débeda.

Dende Ferrol en Común, compartimos a fonda inquedanza e reclamacións do club de fútbol sala, pois non aceptamos a falta de implicación deste goberno municipal en resolver as cuestións económicas que van a abocar a este club a súa desaparición.