Ferrol, 24 de setembro de 2021

O xadrez en Ferrol é unha tradición case centenaria, de ampla implantación social e impulsada polo Círculo Ferrolán de Xadrez.

Nos últimos dezaoito anos vense desenvolvendo o programa «Xadrez na Escola» en todos os centros de educación infantil, ben públicos ben concertados, da nosa cidade, a toda a infancia de 5, 6 e 7 anos, axudando a incrementar as súas habilidades sociais, autonomía e aprendizaxe dun xogo que aumenta as súas destrezas.

Se ben o curso pasado era comprensible por mor da Covid unha pausa nesta capacitación, non podemos entender que neste curso non haxa unha previsión de introducir nas programacións didácticas dentro do horario lectivo o xadrez nas escolas, un programa que funciona con éxito contrastado, que é demandado polas asociacións de nais e pais, ben acollido polas direccións dos centros e un respiro formativo para os máis de mil nenos e nenas que aprenden xogando concentración, memoria e respecto polos rivais.

A causa principal desta crónica dunha morte anunciada para o xadrez na cidade é novamente o goberno local, empecinado en destrozar por inanición o que en Ferrol ven funcionando á perfección coma o fútbol sala feminino e, neste caso, o xadrez.

Preguntado o goberno en comisión polo edil Suso Basterrechea, o concelleiro da área, o Sr. Golpe, manifesta a imposibilidade de asinar un convenio segundo manifestan dende os servizos de intervención, e a necesidade de formalizar un contrato. Ferrol en Común pregúntase como foi posible concertar un convenio nos dezaoito anos anteriores e, de non ser posible, como non se deron as instrucións políticas oportunas para licitar o servizo a través dun contrato, no canto de deixalo esmorecer e tratar de apagar o ruído mediático con escusas administrativas.

Cun custo de pouco máis de 30.000 euros, unha cantidade ínfima en relación co servizo que se presta e a cantidade de persoas á que se chega, e practicamente a décima parte da cantidade que se dedica no orzamento a gastos de publicidade e atencións protocolarias, parece que tan só é unha cuestión de vontade política darlle unha solución a unha demanda da cidade, que ademais preservaría os postos de traballo vinculados ao convenio.

Por todo o exposto, dende Ferrol en Común consideramos necesario a sinatura de forma inmediata dun contrato menor para a impartición do programa «Xadrez na Escola» co Círculo Ferrolá de Xadrez para que dea comezo coma moi tarde no segundo trimestre escolar, así coma estudar as alternativas administrativas para que este servizo non se deixe de prestar, xa que suporía a súa falta o decaemento dunha entidade senlleira como é o Círculo Ferrolá de Xadrez e, con el, a perda dun sinal de identidade de Ferrol, a práctica de algo máis que un deporte, que leva décadas implantado na sociedade local.