Ferrol, 27 de setembro de 2021

No ano 2020, por mor da pandemia orixinada polo Covid-19, non se puido celebrar a carreira popular máis querida polos deportistas da comarca, a Media maratón Volta a Ría Adolfo Ros, quedando adiada a celebración das súas vodas de prata con motivo da súa vixésimo quinta edición para este 2021.

Estando a finais de setembro, son moitas as persoas que inquiren a este grupo sobre que traballos se están a facer para a súa celebración, non tendo a día de hoxe máis que inseguridades e incertezas, mentres observamos non lonxe de aquí como outras carreiras míticas, como A Coruña 10 ou a Media Maratón de Ribadeo-As Catedrais, e outras de recente creación, como a nocturna de Pontedeume ou o Trail de Miño, celébranse sen ningún tipo de problema con centenares de participantes.

Ferrol en Común considera a promoción do deporte un dos piares básicos para a construción da sociedade, e así vén recollido no artigo 25.2 l) da Lei de bases de réxime local, como expresa competencia propia dos concellos. Non podemos deixar de ir máis alá dos beneficios para unha vida saudable do deporte, xa que son moitos os valores que fomenta, como a cooperación, a solidariedade ou o respecto e igualdade.

Dende FeC, consideramos que os índices de vacinación e o descenso constante e paulatino de contaxios permitirían volver render homenaxe a Adolfo Ros, o noso veciño que perdeu a vida de forma nobre e xenerosa en 1985, tratando de salvar uns nenos na praia de Doniños. Cos protocolos que a Federación Galega de Atletismo adopta nas carreiras populares, como saídas graduais, uso de máscara en saída e meta, tomas de temperatura, entrega de declaracións xuradas, etc… queda máis que garantida a seguridade, sobre todo se os contrastamos con outro tipo de reunións de xente que se están a producir nestes días.

Non podemos esquecer a vertente económica deste evento, xa que son centos de persoas as que veñen a comarca coas súas familias para disputar ou observar unha proba, de escaso custe e alto beneficio para deixar ingresos na comarca.

Por todo isto, FeC levará ao Pleno Ordinario de setembro unha moción para instar aos concellos participantes de Fene, Narón, Neda e Ferrol a reactivar a carreira popular Adolfo Ros e anunciar canto antes a súa celebración, dotando do crédito necesario e activando os traballos de seguridade necesarios para iso.