Ferrol, 29 de setembro de 2021

O voceiro de Ferrol en Común, Jorge Suárez, ven de presentar esta mañá unha batería de mocións que serán debatidas no Pleno de setembro e que presentan un denominador común “o abandono total e absoluto que este Alcalde amosa pola cidadanía de Ferrol, un Alcalde que se agocha e non reclama ante outras institucións que se cubran servizos básicos para a veciñanza” explicaba o edil, poñendo coma exemplo o peche de dúas oficinas bancarias na nosa cidade mentres Ángel Mato visitaba co Presidente da Deputación a ampliación dunha oficina na rúa Real, cualificando dende FeC esta actitude coma “intolerable”.

Neste senso, presentamos unha moción para paralizar o peche de oficinas bancarias, tal e coma explicaba Jorge Suárez “a Xunta de Galicia non realiza un control de fiscalización sobre Abanca, unha oficina rescatada con fondos públicos e vendida a prezo de saldo, se non que ademais a premia con subvencións para abrir caixeiros mentres pecha oficinas”. No caso de Ferrol xa son dúas oficinas pechadas, en Catabois e en Capitanía, deixando sen un servizo básico principalmente a poboación da zona rural e a parte do centro e Ferrol Vello, polo que “instamos ao Alcalde a que faga traballo de cara a paralizar o peche de oficinas bancarias na nosa cidade” indicaba Suárez.

Outra das mocións que levamos a Pleno e que vimos denunciando dende hai moitos meses é a situación do transporte público metropolitano, “non hai control do servizo, non se exerce a labor de inspección por parte da Xunta de Galicia e non se fai ningún tipo de presión por parte do goberno local” explicaba o concelleiro, polo que ademais de acudir á concentración que terá lugar o xoves 30 ás 20.00h na Estación de Buses, tamén queremos instar ao Alcalde desta cidade, a través desta moción, a que se tomen medidas para que o servizo de transporte público sexa adecuado aos usuarios e usuarias que cada día acoden ao seu traballo, centro de estudio, consulta médica ou calquera outra xestión utilizando este medio de transporte.

Xa no ámbito máis local, presentamos unha moción para recuperar a actividade de “Xadrez na Escola”, Jorge Suárez indicaba que “parécenos vergoñento que se anule esta actividade amparándose no Covid”, a escusa favorita deste goberno, ou en problemas administrativos cando leva 18 anos realizándose da mesma maneira. Esta actividade funciona con éxito en tódolos centros públicos e concertados da nosa cidade, ademais de ser unha das actividades máis queridas polos nenos e nenas, familias e directivas de centros escolares que así a demandan. Por todo iso, no Pleno de mañá solicitaremos a súa reactivación inmediata.

Outra das peticións que presentaremos á Corporación Municipal é a relativa a retomar a Media Maratón Adolfo Ros, que unha vez máis baixo a escusa do Covid parece non haber intención de realizala, sin embargo, “asistimos atónitos coma noutros concellos sí se están a desenvolver estas carreiras que fomentan a vida saúdable e axudan a mover as economías das cidades cos desprazamentos” explicaba o concelleiro, ademais “a federación galega ten protocolos totalmente viables para o seu desenvolvemento, polo que instamos ao Concello a dirixirse ao organizador, que este ano é o Concello de Neda, para realizar a tan querida carreira Adolfo Ros” finalizaba Suárez.

Por último, “unha situación que para nós é alarmante, que é a situación da atención primaria, neste caso escenificada en Ferrol Vello” dicía o concelleiro, referíndose ao consultorio médico que levaba décadas dando un servizo sanitario á veciñanza dese barrio e dos máis próximos a el e que leva máis de 18 meses pechado. Cabe lembrar que este luns asistimos á concentración convocada pola asociación veciñal para exixir a súa reapertura e en días anteriores rexistramos unha petición para o Delegado Territorial da Xunta e para a Xerencia da Área Sanitaria de Ferrol coa mesma exixencia, facendo o mesmo coa presentación desta moción: instar ao goberno municipal a que se implique neste asunto e solicite ao Sergas a apertura inmediata do consultorio, que está a causar graves perxuizos a unha poboación altamente envellecida coma é a de Ferrol Vello.

E xa para finalizar, “levamos unha moción compartida xunto co Partido Popular e o BNG, pola actuación vergoñenta do Concelleiro de Deportes na subvención para un equipo de fúltbol feminino decano coma é o Valdetires, que está a piques da súa desaparición, e que dende a súa rolda de prensa non ten ninguna noticia do Concello” explicaba o concelleiro, polo que agardamos que a presentación desta moción sirva de punto de partida para poñer solución a un problema que só depende de vontade política.