Ferrol, 1 de outubro de 2021

Se hai unhas semanas eran as organizacións sindicais máis representativas as que afeaban a Ángel Mato a súa nula disposición a actuar de interlocutor entre a comarca e o goberno do Estado do seu mesmo partido, hoxe temos que lamentar que Navantia licite parte do taller de bloques sen ter licencia construtiva, polo desleixo e pouca eficiencia na xestión do Alcalde da cidade, que se escuda en complexidades para un mero trámite entre dúas administracións públicas, pola que agardan miles de persoas desempregadas nunha comarca en estado límite, e que para un gobernante esta debera ser a prioridade fronte a calquera outra labor institucional e sen contido.

Por outra banda, Ferrol en Común amosa a súa preocupación extrema ante a renuncia tácita do Alcalde a reivindicar o dique cuberto para Navantia, como así quedou acreditado no seu discurso nos actos de inauguración do CESENA, onde nin tan sequera o mencionou e, paradoxicamente, tivo que ser o presidente da Xunta o que o reclamase para o estaleiro público. 

Cómpre lembrar que todas as mesas industriais cos axentes sociais representados, organizacións sindicais, empresariais, gobernos locais e provincial, consideran un dos factores clave para a recuperación da comarca, xunto coa mellora da liña ferroviaria Ferrol – A Coruña entre outros, a construción dun dique cuberto, tal e como estaba proxectado e que desapareceu da axenda política estatal e, por extensión, dos orzamentos xerais, en 2018.

Ferrol en Común cre que o momento é agora, nos inicios das negociacións do anteproxecto de Orzamentos Xerais do Estado, cando debe reivindicarse con toda a forza posible a introdución de partidas destinadas ao dique cuberto, para que o estaleiro 4.0 sexa unha realidade máis alá de titulares, e que redunde en creación dos tan necesitados postos de traballo na súa construción, xunto coa posibilidade de acceder a unha competitividade internacional, máis alá de traballos cíclicos para a Armada e, polo tanto levaremos, ante a inacción do alcalde, este punto a negociación dun documento que debera ser un punto de inflexión para Ferrolterra.