Ferrol, 8 de outubro de 2021

Ferrol en Común mantivo unha xuntanza de traballo coa AVV de Brión, de cara a coñecer as súas demandas, unha zona senlleira do rural esquecida neste mandato, pese a multitude escritos por rexistro que presentan reclamando investimentos e mesmo o mantemento simple de instalacións e servizos.

De cara a sinalar os puntos de actuación máis importantes, cremo que aglomerados como o das Peñas, o Lugar del Espiño, alumeados na estrada Valón Brión ou o Lugar de Martín, son mínimos imprescindibles para obras que permitan que a veciñanza do rural non teña unha condición social de inferioridade respecto a zona urbana; por non mencionar o proxecto de rehabilitación do lavadoiro de Brión, redactado e orzamentado no mandato anterior e, dous anos despois, deixado nun caixón á espera dunha oportunidade política mellor.

Por outra banda, FeC comprometeuse a manter vivo o posicionamento político contra a instalación de eólicos no  noso concello no caso que agredan bens inmaterias, patrimoniais, culturais ou medioambientais, á vista de que o alcalde de Ferrol, contra o criterio mantido por todos os alcaldes dos concellos afectados, mesmo da súa organización política, mantén unha posición favorable aos eólicos con independencia da súa ubicación ou danos colaterais que produzan, e levaremos novamente a pleno  un posicionamento contrario para  evitar que para enriquecerse uns poucos se produzan danos irreversibles no noso termo municipal.