Ferrol, 15 de outubro de 2021

Todas coñecemos a situación industrial pola que pasa a nosa comarca dende os últimos anos e todas somos conscientes de que a industria naval constitúe un piar fundamental para o emprego na nosa contorna. Este sector é básico para a supervivencia de moitos postos de traballo, tanto directos, coma sobre todo indirectos, coma é o caso de Electrorayma, unha auxiliar especializada en instalacións eléctricas e electrónicas que viña prestando servizos para Navantia.

Electrorayma atópase nunha situación límite na que están en xogo numerosos postos de traballo, debido a un conflito coa empresa pública Navantia, a cal non lle abona a compañía os 4,7 millóns de euros que esta lle reclama polas modificacións e sobrecustos na planificación e desenrolo da construción de dous buques tipo AOR para Australia.

Este desacordo entre ambas compañías, no que Navantia tan só recoñece un 10% do total reclamado, podería levar a Electrorayma ao peche deixando na rúa a 150 familias tan só en Ferrol.

Esta situación límite na que se atopa Electrorayma, máis a falta de interese de Navantia por chegar a un acordo fai que os traballadores véxanse na necesidade de convocar unha serie de accións e mobilizacións que dende Ferrol en Común apoiaremos e participaremos, sendo a primeira delas esta mañá, na que estivemos xunto aos traballadores e traballadoras compartindo as súas reivindicacións.

Dada a grave situación de desmantelamento industrial na que se atopa a nosa comarca, onde miles de persoas encóntranse ao límite entre a precariedade laboral e o desemprego, Ferrol en Común considera que é vital que se chegue a un acordo entre Navantia e Electrorayma para non perder os 150 postos de traballo na nosa comarca e máis de 300 a nivel estatal, ademais de amosar a nosa solidariedade a toda a plantilla de Electroyma e apoiar o calendario de mobilizacións co que reivindicar unha solución para a crítica situación que se está a vivir.