Ferrol, 20 de outubro de 2021

Xa ven sendo habitual ler na prensa os numerosos perxuízos que están a sufrir os usuarios e usuarias do transporte público metropolitano. Dende persoas que quedan en terra por falta de prazas, horarios incompatibles coas responsabilidades laborais ou estudantís, ata traxectos interminables que coa concesionaria anterior reducíanse á metade.

Esta frecuencia nas queixas, protestas e concentracións, coma a que terá lugar mañá xoves 21 de outubro ás 20.00h na Praza Amada García, pon de manifesto a nula resposta por parte da Xunta de Galicia, única responsable do deficiente transporte metropolitano, que non está a facer nada por solucionar os problemas que día a día as persoas afectadas por este servizo veñen demandando.

Dende o Concello de Ferrol a resposta tamén brilla pola súa ausencia, coma de costume o goberno local amosa o desinterese por buscar solucións aos problemas que afectan a vida da veciñanza, pois se non fora pola moción que Ferrol en Común levou ao pasado Pleno de Setembro reclamando implicación por parte desta administración, esta cuestión nin estaría enriba da mesa, e aínda así, non houbo nin un só movemento por parte do goberno local para solucionar un problema que afecta cada vez a máis persoas e máis colectivos.

O servizo de autocares, máis en concreto, as liñas de transporte metropolitano que realizan traxectos coma o de Ferrol – A Coruña, son unha peza clave para posibilitar os traslados habituais dos veciños e veciñas da nosa cidade ao traballo, á universidade, xestións administrativas, ocio ou consultas sanitarias. Nas últimas semanas coñecimos numerosos colectivos coma Teima Down, a ONCE ou o Sindicato de Estudantes, (este último convocante da concentración de mañá), os cales vense directamente afectados polos problemas que está a xerar un servizo de transporte deficiente e inadecuado.

Dende Ferrol en Común consideramos unha prioridade que este servizo cubra as necesidades da veciñanza e demandamos que se leven a cabo as preceptivas labores de inspección e sanción así coma a modificación do prego coa nova concesionaria para adecualo aos horarios, traxectos e prazas necesarias para que o servizo sexa digno e de calidade, cuestión que atañe á Xunta de Galicia.

Por último, FeC quere amosar o seu apoio a todas as reivindicacións que es están a levar a cabo por parte das persoas afectadas por este deficitario servizo e animar á cidadanía a asistir á concentración convocada para mañá xoves 20 de outubro ás 20.00h na Praza Amada García, nós alí estaremos.