Ferrol, 21 de outubro de 2021

No ano 2008, a entón concelleira de cultura Yolanda Díaz iniciou os trámites para acondicionar uns locais de ensaio que serviran de espazo de creación e traballo para os músicos locais da nosa cidade. Estas instalacións veñen funcionando ininterrompidamente e con grande éxito dende aquela, albergando a máis de 100 músicos e músicas actualmente.

O uso habitual e masivo dos locais de ensaio poñen de manifesto a existencia dun tecido cultural vivo na nosa cidade que demanda e precisa espazos nos que artellar e ampliar o talento ferrolán, unha cuestión que calquera goberno que estea á altura debe coidar e potenciar. Lamentablemente, o goberno de Ángel Mato non é ese goberno, pois demostra que nin escoita, pois non atendeu ningunha das peticións de xuntanza que os grupos de música solicitaron; nin comparte as súas necesidades, pois mantén pechados os locais de ensaio dende o pasado mes de novembro, momento no que foron clausurados coma medida sanitaria da pandemia da Covid-19, o que se converteu na mellor das escusas para pechalos e non volver abrilos.

Dende FeC consideramos intolerable a decisión de non apertura dos locais de ensaio así coma a xustificación desta decisión: “o servizo está sen contrato”. Somos conscientes da necesidade de contar cun prego en vigor para dar calquera servizo municipal, coma tamén somos conscientes de que existen múltiples servizos sen contrato no noso Concello e que seguen estando abertos e continúan prestando servizo, sen ir máis lonxe o teatro Jofre. Para FeC este motivo non ter o peso suficiente coma para manter pechadas unhas instalacións que contribúen ao fomento e impulso da cultura local.

Por iso, Ferrol en Común amosa o seu total respaldo ás demandas que están a realizar os grupos de música que habitualmente viñan utilizando os locais de ensaio e que a día de hoxe teñen que buscar alternativas noutras cidades ou quedar sen ensaiar, algo que vai en contra da cultura da nosa cidade, ademais de estar poñendo en perigo o postos de traballo que facíanse cargo deste servizo. É por isto, que despois de manter unha xuntanza cos representantes de ditos grupos musicais e interesarnos pola súa problemática, presentaremos unha moción no vindeiro Pleno Ordinario de outubro para instar ao goberno municipal á apertura inmediata dos locais de ensaio.