Ferrol en Común levará a Pleno a situación dos locais de ensaio e a recuperación do programa “Xadrez na Escola” en todos os centros escolares da cidade

Ferrol, 28 de outubro de 2021

Coma todos os últimos xoves de mes, hoxe 28 de outubro, toca Pleno Ordinario no Concello de Ferrol, no que FeC presentará para o seu debate e agardamos que aprobación por parte de todos os grupos municipais dúas mocións.

A primeira delas ten que ver coa situación dos locais de ensaio, uns espazos de creación e traballo musical que utilizan máis de 20 grupos da nosa cidade. Estes locais viñan funcionando ininterrompidamente dende fai máis de 10 años, ata que chegou a pandemia da Covid-19 e pecharon a causa das medidas sanitarias tomadas polo goberno de Ángel Mato, pero nada apuntaba a que nunca máis volveran a abrirse.

Pero así foi, case 1 ano despois, os locais de ensaio aínda non viron as súas portas abertas de novo, os máis de 100 músicos e músicas que utilizaban estes espazos teñen que buscar outras alternativas e a persoa que traballaba ocupándose deste servizo atópase a agarda do que vai suceder, xa que o goberno de Mato decidiu de xeito unilateral pechar os locais de ensaio coa escusa de atoparse sen contrato, unha cuestión que non debería de levar ao seu peche, pois son moitos os servizos sen contrato na nosa cidade que seguen funcionando perfectamente, sen ir máis lonxe o Teatro Jofre ou o mantemento de parques e xardíns.

Doutra banda, quedou pendente unha moción do Pleno pasado, a relativa á reimplantación do programa “Xadrez na Escola”, unha actividade que levaba 18 anos realizándose da mesma maneira, funcionando con éxito en tódolos centros públicos e concertados da nosa cidade e sendo unha das actividades máis queridas polos nenos e nenas, familias e directivas de centros escolares que así a demandan, ademais de ser unha capacitación que axuda a incrementar as habilidades sociais, autonomía, concentración, memoria e respecto polos rivais.

É fácil de observar que as dúas mocións que presentamos teñen un patrón común: o goberno de Ángel Mato empecínase en destrozar o que en Ferrol ven funcionando con éxito.

Por todo isto, FeC levará as demandas dos grupos musicais que facían uso dos locais de ensaio ao Pleno, para facerlle entender ao goberno de Mato que as decisións que toma teñen nefastas consecuencias sobre o tecido cultural da nosa cidade. Así mesmo, instaremos ao goberno municipal á sinatura de forma inmediata dun contrato menor para voltar a impartir o programa «Xadrez na Escola» co Círculo Ferrolá de Xadrez, tal e coma viña facéndose.