Ferrol, 2 de novembro de 2021

Dende as eleccións municipais de 2019 e o acordo de gobernabilidade que Ferrol en Común asinou co actual alcalde Ángel Mato, e polo que este acadou dito cargo, o grupo municipal de FeC asumiu o seu papel na oposición da corporación municipal. Dende esta posición débese fiscalizar a acción de goberno pero tamén temos a responsabilidade de propoñer proxectos e de chegar a acordos que cremos beneficiarán á veciñanza, coma o acordo para os orzamentos 2021 ou o que acabamos de asinar no día de hoxe e que o voceiro de FeC, Jorge Suárez, ven de presentar nunha rolda de prensa xunto co Alcalde, Ángel Mato.

Despois dun Pleno axitado no que cremos actuamos dun xeito consecuente e responsable, chegaron as negociacións e “o acordo que ven a desbloquear unha situación que tanto o goberno municipal coma nós cualificamos de grave, porque poñía en risco investimentos clave para a cidade” explicaba Jorge Suárez durante a rolda, na que tamén quixo agradecer ao Alcalde a rapidez coa que xestionou este asunto e recoñeceu os erros polas dúas partes, cuestión importante para que non se reproduzan no futuro.

Con este acordo, o grupo municipal de FeC e o grupo socialista, sentaránse periodicamente nunha «Comisión de seguemento», “onde debateránse tanto as partidas propostas por Ferrol en Común coma os orzamentos no seu conxunto, tendo continuidade durante o 2022 para a futura elaboración dos orzamentos que serán claves para a cidade” explicaba Suárez. A través desta «Comisión de seguemento» poderemos dar pasos adiante en terreos fundamentais que estaban negociados e pactados coma a V fase de pasos de peóns, a remodelación da Praza Vella ou Praza Rosalía de Castro, a rehabilitación interior na vivenda pública de Recimil, o local social de Ultramar, a reconfiguración da Casa de Carvalho Calero ou a Casa do Patín, o proxecto para a zona deportiva da Cabana, o saneamento do rural, estudo dunha renda básica municipal, desenvolvemento de plans sociocomunitarios, elaboración do regulamento de participación cidadá ou a creación dunha cuadrilla permanente para o servizo de rozas.

O voceiro de FeC poñía de manifesto a importancia de “antepoñer o interese xeral da cidadanía fronte os intereses dos grupos municipais”, resaltando que este acordo así o demostra, “onde por unha banda quedan garantidos os investimentos deste exercicio e por outra, poderemos debater o modelo de cidade para o que resta de mandato”. Así mesmo, Jorge Suárez poñía o foco en que “é moito máis o que nos une que o que nos separa, tanto nas propostas coma na forma de levalas a cabo e niso é no que debemos traballar, deixando de lado declaracións que saen do bo entendemento que temos dende o acordo de gobernabilidade, polo que debemos traballar nas liñas de conciliación co fin de ser o máis construtivos posible”.

Por último, respecto á ampliación de crédito coa que nun principio este grupo municipal non concordaba co seu modelo, Jorge Suárez explicaba que “tamén somos conscientes dos prexuízos que suporía iniciar un novo expediente, demorando a aplicación dos investimentos que probablemente quedarían fora deste exercicio, polo que imos asumir esta operación de crédito sempre que se garanta, coma acabamos de acordar, un seguemento concreto de todo os proxectos a desenvolver”.