Ferrol, 10 de novembro de 2021

No día de onte Ferrol en Común mantivo unha xuntanza coa asociación veciñal da Graña para coñecer de primeira man as demandas máis urxentes dun barrio que, se ben está na zona rural, a efectos prácticos considérase urbano e ten coma problema máis grave a día de hoxe a falta de aparcamento en toda a zona. Esta dificultade que perturba día a día á veciñanza non se pode resolver pola vía represiva coma estivo a suceder nas semanas anteriores nas que se multou aos veciños e veciñas que non teñen un lugar onde estacionar os seus vehículos e que optan por aparcalos en lugares onde non molestan nin perturban a circulación.

Dende FeC consideramos que a solución para poñer fin a esta situación pasa por dotar ao barrio de aparcadoiros disuasorios, acondicionando un número suficiente de parcelas que poidan servir para estacionar os vehículos, tal e coma aconteceu en Canido ou no CHUAC. Dita solución xa foi proposta polos propios veciños e veciñas, os cales transmitíronlle ao Concelleiro de Seguridade e Tráfico a ubicación de varias parcelas e a necesidade de negociación, pero a resposta non foi máis que o silencio.

Hoxe, o concelleiro de FeC, preguntou na Comisión Informativa de Urbanismo ao respecto desta problemática e segundo parece estase a encargar a un taxador a valoración de dúas fincas que virían a aliviar os problemas de tráfico e de estacionamento do barrio.

FeC advirte que esta situación xa se fixo constar antes do inicio da pandemia da Covid-19, vai máis dun ano, polo que non se pode seguir agardando unha solución. Esta cuestión pon de manifesto que houbo unha clara deixadez de funcións por parte do goberno local o cal non foi quen de realizar os trámites oportunos durante máis dun ano. Dende FeC consideramos que os veciños e veciñas merecen respostas máis áxiles por parte dos que administran o goberno municipal e polo tanto urximos tanto o cumprimento dos acordos aprobados ao respecto coma a constante interlocución coa entidade veciñal, a cal está a encabezar continuas mobilizacións que non responden a un capricho se non a unha necesidade real e imperiosa deste barrio da Graña.

Así mesmo, instamos ao goberno local á reparación da galería do edificio do local veciñal, que xa conta co proxecto realizado durante o mandato de FeC e ten adxudicada unha partida orzamentaria de case 200.000€, pero aínda así non temos coñecemento da súa licitación ou execución.

Por último, Ferrol en Común apoia todas as mobilizacións que están a levar a cabo os veciños e veciñas de A Graña e sumarémonos a do vindeiro venres 12 de novembro.