Ferrol, 11 de novembro de 2021

Por todas é coñecido o peche do Consultorio Médico Manuel Comellas dende vai máis de 20 meses, sito no barrio de Ferrol Vello e que daba servizo a máis de 1000 veciños e veciñas non só coma consulta médica se non tamén coma dispensador de receitas ou prestador de servizos coma o Sintrom.

Durante este tempo, foron numerosas as actuacións levadas a cabo para demandar a apertura do consultorio: presentación de varios escritos por parte da asociación veciñal de Ferrol Vello solicitando a súa apertura, varias notas de prensa facendo constar o descontento, aprobación dunha moción plenaria no mes de setembro coa que agardamos o goberno municipal fixera o que lle corresponde e reclamara a súa apertura de xeito oficial, e unha concentración de toda a veciñanza do barrio ás portas do consultorio o pasado 27 de setembro.

Así mesmo, dous días despois da concentración, o 29 de setembro, a Consellería de Sanidade apresurouse a comunicar a través do deputado autonómico e edil do Concello de Ferrol, José Manuel Rey Varela, a apertura do consultorio tan pronto reestablecérase o servizo de atención primaria, indicando que as súas portas estarían aberta nas próximas semanas.

Pasaron xa 6 semanas dende esas declaracións, 43 días dende a comunicación de que se abrirían de xeito de inminente e máis de 20 meses dende que está pechado sin dar un servizo sanitario moi demandado e moi necesario para a veciñanza de Ferrol Vello e do seu arredor.

Dende Ferrol en Común consideramos unha indecencia xogar coa sanidade pública e cun servizo de atención primaria coma é o consultorio de Ferrol Vello. A Xunta do Sr. Feijoo, coma sempre, apresurouse a realizar declaracións positivas prometendo algo que sabía que non ía cumprir para calmar os ánimos da veciñanza, pero case 2 meses despois seguen co consultorio pechado e sen ningunha noticia que apunte a que se vaia abrir proximamente. Polo que, Ferrol en Común, insta á Xunta de Galicia á apertura inmediata do consultorio de Ferrol Vello, tal e coma comprometeuse, e a reestablecer o servizo tal e coma viña prestándose con anterioridade á pandemia.