Ferrol, 17 de novembro de 2021

No pasado Pleno do mes de outubro aprobouse por unanimidade unha moción presentada por toda a oposición relativa á reactivación dos locais do ensaio e na que se acordou co goberno local a elaboración dun contrato menor para retomar este servizo mentres non estea elaborado o prego definitivo. Este venres tivo lugar unha das poucas Comisión de Cultura que se convocan polo goberno local sen aparecer na orde do día ningún punto relativo a este contrato menor dos locais de ensaio, cuestión que tivo que ser preguntada polos grupos da oposición.

Ferrol en Común amosa a súa sorpresa despois de ser informado nesta Comisión, e coma dicimos coma resposta ás preguntas da oposición, de que os acordos alcanzados no último Pleno para dar solución á situación dos locais de ensaio non van ter efecto, é dicir, ese contrato menor que serviría para poder prestar servizo de maneira urxente e baixo a promesa do goberno de Ángel Mato non se vai cumprir, escudándose coma ven sendo costume en temas administrativos.

Dende FeC consideramos que estas cuestións se resolven mediante decisións políticas e non vale escudarse na administración. Coma xa explicamos con anterioridades, case todos os servizos do Concello que se prestan a día de hoxe atópanse sen contrato, sen ir máis lonxe o teatro Jofre ou o Auditorio, polo que este asunto é unha cuestión de vontade política e estase a demostrar que os locais de ensaio non son unha prioridade política para o goberno de Ángel Mato.

Debemos lembrar que esta infraestrutura municipal é das máis importantes no relativo á produción de artistas locais, contando con preto de 100 músicos facendo uso destas instalación e desenrolando de xeito imprescindible os seus ensaios e o su traballo neste espazo cultural, os cales séntense enganados polo goberno local e desesperados por non atopar unha solución a esta situación que os mantén alonxados da súa práctica musical. Así mesmo, esta situación presenta importantes dificultades laborais para a traballadora que está a cargo dos locais de ensaio, repercutindo negativamente na súa vida e futuro laboral.

Por todo isto, insistimos de novo na necesidade dunha solución inmediata e rápida coma a que se acordo no Pleno por todos os grupos municipais coa que se poda restablecer un servizo que se ven prestando dende fai máis de 12 anos e que ten unha gran importancia na vida cultural da nosa cidade. Lembrando tamén outro dos compromisos que se aprobaron no Pleno relativos a respectar a continuidade dos locais de ensaio trala derrube da nave provisional do mercado da Magdalena.