Ferrol, 18 de novembro de 2021

Ferrol en Común insta ao Alcalde, Ángel Mato, a manter a situación actual dos propietarios das atracción infantís en Ferrol, deixándoos ocupar o espazo do Cantón coma ven sendo habitual. Os feriantes levan meses sufrindo as consecuencias da pandemia coma calquera outro colectivo de primeira liña, coa imposibilidade de exercer a súa actividade e vendo coma a súa forma de vida pendía dun fío. Agora, ás portas do nadal, teñen os seus negocios abertos de cara a realizar unha campaña que poida ser óptima e poder solventar a súa complicada situación provocada pola Covid-19 pero atopáronse co goberno local, o cal sen previa comunicación e mediante unha orde executiva ordénalles desaloxar o Cantón.

“Estamos a falar de 10 familias que este é o seu único medio de sustento e o goberno municipal obrígalles a evacuar o espazo con mentiras” di Jorge Suárez, explicando que “o que había detrás do desaloxo era a instalación dun mercado navideño, concedido a unha empresa privada, que a súa vez vai cobrar aos postos que ocupen o espazo onde estaban as atraccións”.

FeC considera que se algo debemos aprender desta crise sociosanitaria é que o escudo social debe ser algo máis que palabras e “cando falamos de familias de Ferrol é cando máis vixencia debe ter esa protección do que é noso e do seu futuro” indicaba Suárez.

Dende FeC cremos que a solución aportada polo goberno local de trasladar as atraccións ao parque do Inferniño non é axeitada, pois existen vivendas moi próximas e sabemos que cando son as festas do Rosario, sempre son motivo de conflito, polo que non entendemos porque o goberno municipal quere provocar dous conflitos: un polo desaloxo do Cantón e outro no Inferniño. Polo que, dende FeC, instamos a Ángel Mato a manter aos feriantes na súa situación actual.