Ferrol, 23 de decembro de 2021

Un ano máis pechamos o ano poñendo o foco sobre a falta de políticas de igualdade do goberno de Ángel Mato. A concellería de Muller segue a ser unha das máis relegadas e esquecidas en canto a traballo, iniciativas e programas a desenvolver nunha materia na que é fundamental incidir para progresar cara unha sociedade máis feminista, onde a muller acade a igualdade en todos os ámbitos da súa vida, ademais de fomentar a conciliación a través dos recursos da administración local.

Cando o goberno socialista tomou posesión puido continuar a senda de traballo e impulso de políticas de igualdade que viña facendo Ferrol en Común, con numerosas propostas, obradoiros e talleres, programas educativos ou posta en valor de mulleres esquecidas coma Ánxela Ruíz. Un traballo que puido ter permanencia con este goberno pero que se veu freado en seco coa súa chegada. Entre moitas outras cousas, os talleres da Casa da Muller desapareceron e con eles tamén os campamentos de conciliación para os nenos e nenas da nosa cidade, que sempre tiveron unha grande acollida con máis de 800 prazas tanto no rural coma no urbano no seu último ano de oferta, o 2019.

Se ben é certo, imaxinamos que froito da presión da oposición, este ano 2021 volveron a realizarse os campamentos infantís, pero moi alonxados do que deberían ser e recortando as prazas a case a metade. Para estas datas estivais o goberno municipal artellou uns campamentos de Nadal en forma de obradoiros e con tan só 100 prazas ofertadas entre o rural e o urbano, ademais de non ofrecer o campamento para todas as datas estivais pois dan comezo o día 27 de decembro cando os nenos e nenas xa están de vacacións dende o 21.

FeC considera que os campamentos de conciliación son un servizo fundamental a ofrecer por parte do concello, xa que axudan a miles de familias a compatibilizar as súas obrigacións laborais co coidado dos nenos e nenas. Polo que solicitámoslle ao goberno municipal máis compromiso á hora de organizar estes campamentos e que sexan mellorados en cando a prazas, lugares e dinámicas educativas de cara as seguintes convocatorias en Semana Santa ou verán.

Dende FeC xa anunciamos en múltiples ocasións a decepción que temos co goberno de Ángel Mato en canto a políticas de conciliación e de igualdade, ausentes e sen contido nin iniciativas dende que comezou o seu mandato. FeC seguirá presentando propostas para mellorar este área e sendo crítico co pouco ou nada de traballo que se realiza dende esta concellería, pois consideramos que as mulleres precisan toda a atención que se poida dar dende o concello e cremos que para que a verdadeira igualdade se faga paso nesta sociedade é preciso que as administración públicas traballen para elo.