Para que un servizo público sexa rendible en termos sociais deber ofrecer eficiencia, utilidade e atención ás persoas usuarias. Se a Xunta pretende facer valer a posición económica da empresa concesionaria fronte a competencia que lle corresponde de promover o transporte público fronte ao privado, a mellor tarxeta de visita é esta venda dun reforzo dos servizos de autobús entre Ferrol e A Coruña.

Logo de analizar a proposta presentada pola Xunta, a instancias dunha auditora contratada por Transportes Hércules, e non pola adminstración pública, FeC considera:

– Que non é leal coas administracións locais e plataforma de usuarios/as dar unicamente cinco días de prazo para facer consideracións a unha reestruturación anunciada ao mesmo tempo como firme nos medios de comunicación.

– Que dita reestruturación non é tal, xa que na propia auditoría se recoñece que a empresa concesionaria non cumpre cos horarios que rexen o prego de contratación, e a solución proposta tampouco o fai.

– Que non existe ningún tipo de resposta ás solucións demandadas por diversas entidades sociais en termos de adaptabilidade, accesibilidade e inclusión, feito especialmente grave como queda demostrado na utilización xeralizada de autobuses de dúas plantas e na carencia absoluta de proposta algunha nas conclusións da auditora, asumida como propia pola Xunta de Galicia.

– Que os horarios non se adaptan aos traballadores e traballadoras, xa que non recupera o primeiro servizo da mañá, que daba servizo ao persoal do CHUAC, e a proposta para o resto de servizos públicos é insuficiente no traxecto Ferrol A Coruña, unicamente aplicando certa mellora no da Coruña a Ferrol, reforzando o servizo das 14 30.

En definitiva, Ferrol en Común considera que a Xunta fai oídos xordos a entidades como Teima, con usuarios estudando na UDC en programas pioneiros de inclusión, á Plataforma integrada por ducias de traballadores e traballadoras que cada día teñen que desprazarse á Coruña, e a todos os partidos políticos e sindicatos de Ferrolterra, que veñen demandando melloras no servizo, tal e como quedou de manifesto nas sucesivas reunións da plataforma nas que FeC toma parte.

En conclusión, a principal demanda de mínimos, consenso entre todo o tecido social e político, que era retomar os servizos que se prestaban na anterior concesión, quedan incumpridos, polo que FeC só pode considerar esta reestruturación unha decisión unilateral e fraudulenta da Xunta de Galicia, que require dunha nova proposta sen enquisas manipuladas e cun exercizo de escoita real, non unha resposta a demanda da empresa concesionaria que parece ter máis poder que a propia Consellería de Infraestruturas e Mobilidade.