Ferrol, 14 de xaneiro de 2022

En marzo de 2020 a pandemia da Covid-19 chegou as nosas vidas e numerosos servizos públicos víronse afectados limitando aforos ou pechando as súas portas, coma foi o caso do Consultorio Médico de Manuel Comellas situado en Ferrol Vello, o cal atendía a máis de 1000 veciños e veciñas non só dese barrio se non tamén dos colindantes coma A Magdalena e Canido.

A día de hoxe, case 2 anos despois, este consultorio aínda non abriu as súas portas, privando á veciñanza dun servizo sanitario fundamental para unha poboación cada vez máis envellecida.

Durante este tempo, leváronse a cabo numerosas actuacións para demandar a súa apertura inmediata: presentación de varios escritos ao Sergas solicitando a súa apertura, múltiples notas de prensa facendo constar o descontento, aprobación dunha moción plenaria no mes de setembro coa que agardamos que o goberno municipal fixera o que lle corresponde e reclamara a súa apertura de xeito oficial e unha numerosa concentración ás portas do consultorio no pasado mes de setembro. Pero as respostas por parte da Xunta sempre son as mesmas, escusas e promesas que coinciden nunha mesma conclusión: o consultorio segue pechado.

Lembremos que o pasado 29 de setembro, dous días despois de que tivera lugar a concentración veciñal, a Consellería de Sanidade apresurouse a comunicar a través do deputado autonómico e edil do Concello de Ferrol, José Manuel Rey Varela, a apertura do consultorio tan pronto reestablecérase o servizo de atención primaria, indicando que as súas portas estarían aberta nas próximas semanas. Atopámonos no mes de xaneiro e esas portas seguen pechadas, amosando a falta de seriedade e de compromiso do goberno da Xunta.

Se hai uns anos era o Consultorio da Graña o que pechaba, deixando a parte da zona rural sen servizo e centralizándoo en Serantes, vemos agora como sen previo anuncio e aproveitando o peche que tivo lugar pola falta de atención presencial a causa da pandemia, outro centro de atención médica deixa de existir.

Dende FeC tememos que o peche do consultorio Manuel Comellas sexa definitivo e o que se agocha entre as múltiples escusas da Xunta de Galicia para demorar a súa apertura non sexa máis que un dos numerosos recortes en sanidade pública que está levando a cabo o Sr. Feijoo por toda Galicia. Non podemos permitir que o goberno da Xunta sega co desmantelamento do noso sistema sanitario pechando o consultorio médico Manuel Comellas, que viña prestando un servizo ininterrompido dende 1996 e cunha alta demanda por parte da veciñanza da zona.

Polo que, Ferrol en Común, volverá a presentar unha moción para instar a xunta de Galicia á reapertura inmediada do consultorio de Ferrol, tal e coma comprometeuse nas súas declaracións do pasado setembro, e a reestablecer o servizo tal e coma viña prestándose con anterioridade á pandemia. Así mesmo, apoiará e participará activamente na concentración convocada pola Asociación Veciñal de Ferrol Vello o vindeiro luns 31 de xaneiro ás 19.00h na porta do Consultorio Manuel Comellas, animando a toda a cidadanía a sumarse a esta mobilización coa que facer fronte aos recortes da Xunta e demandar a reapertura inmediata do consultorio médico.