Ferrol, 19 de xaneiro de 2022

Ferrol en Común ven de manter unha xuntanza esta mañá coa Asociación Veciñal de San Xoán – O Bertón para coñecer os avances nas reclamacións deste barrio e as demandas que aínda seguen pendentes de realizar por un goberno local que coma nos ten acostumados non atende aos veciños e veciñas nin conta con eles e elas para a toma de decisións dos barrios nos que habitan.

En primeiro lugar, a Praza Rosalía de Castro leva anos precisando dunha intervención integral a causa das numerosas deficiencias que incluso causan caídas e danos á veciñanza debido ao seu estado. No acordo que Ferrol en Común ten asinado co goberno de Angel Mato, está incluída a construción dunha nova praza que substitúa á actual e de resposta ás necesidades dun barrio coma o de San Xoán – O Bertón. Así mesmo, dende FeC non entendemos a política sen a participación dos propios veciños e veciñas nas cuestións que afectan ao seu barrio e por iso, solicitámoslle ao goberno local unha comunicación fluída coa asociación veciñal e a convocatoria dunha Asemblea na que se lle explique á veciñanza o proxecto, os prazos e a forma na que se levará a cabo a reforma da Praza Rosalía de Castro.

Doutra banda, dende FeC demandamos coñecer o estado no que se atopa a construción do centro de saúde, que daría servizo a más de 11.000 veciños e veciñas, desconxestionando un Fontenla Manistany que cada vez atópase máis saturado debido aos recortes sanitarios que a Xunta de Feijoo realiza na nosa sanidade.

Unha das demandas máis solicitadas pola asociación veciñal é un local social onde poder desenvolver o seu traballo dun xeito adecuado. Para elo, durante o mandato de FeC tíñase previsto trasladar o Cuartel da Policía Local á Cidade da Seguridade que se aí construír en FIMO e que nunca viu tampouco a luz, e deste xeito aproveitar as instalacións do cuartel para o novo local social da Asociación. Todo isto, nunca tivo lugar e o local social segue no mesmo lugar e coas mesmas deficiencias, sen ter opcións de dar cabida a todas as actividades que lles gostaría realizar e non poden.

O transporte público tamén é outra das peticións que o barrio de San Xoán – O Bertón reclama, pois carece del. Un servizo tan fundamental coma o dos autocares debería ser obrigatorio en todos os barrios e non sendo así, debería ser unha cuestión ao que o goberno local prestáralle atención para solventalo.

Por último, queremos poñer tamén o foco nunha demanda histórica do barrio de San Xoán – O Bertón, que é o seu campo de fútbol que fica abandonado e sen usos a agarda de que o goberno local faga o correspondente para desatascar a súa situación e poida converterse nun lugar deportivo non só para a veciñanza do barrio no que se atopa se non para toda a cidadanía de Ferrol, coma pasaba fai moitos anos.

Son moitas as necesidades que presenta este barrio pero tamén son moitos os anos que leva demandando case todas elas, polo que dende Ferrol en Común instamos ao goberno municipal a cumprir se non todas, a gran maioría e avanzar no resto, para conseguir mellorar un dos barrios máis numerosos da nosa cidade e ao mesmo tempo con máis carencias.