Ferrol, 22 de xaneiro de 2022

Ferrol en Común mantivo unha xuntanza de traballo coa AVV de Ultramar este venres á tarde, onde se abordaron cuestións cruciais para o barrio, as que o goberno local non dá resposta, toda vez que se fan oídos xordos ás solicitudes reiteradas de xuntanzas con responsables da corporación, en maio, outubro de 2021 e mesmo en xaneiro deste 2022.

Ferrol en Común comparte a reflexión e inquedanzas da Asociación de Veciños: logo do traballo social sostido durante décadas e o impulso de varias corporacións, nos próximos anos vanse ver materializadas demandas cruciais do barrio: a urbanización das rúas Nova e  Manuel Belando, a habilitación dun local social para as actividades desenvoltas no entorno da asociación, e a tan esperada obra do talud das Pías. Porén, o que debera ser unha nova que revitalizase o barrio, non está a xerar máis que incertidume.

Incertidume que se sostén non muro en que se converteu o goberno local, desprezando o traballo asociativo encargado de recopilar as dúbidas e preocupacións dos veciños e veciñas:

  • Non hai ningunha comunicación co maltrecho comercio de proximidade e hostalería local en canto a cómo lles vai afectar as obras da Rúa Nova e Manuel Belando; prazos de execución, se vanse ver afectadas as terrazas, se o vial vai perder algún sentido de circulación e, en definitiva, nada máis alá de que se pretende facer unha reurbanización: nin o como, nin o cando, nin para quen.
  • Non existe ningunha comprobación acerca de se os veciños queren ese modelo de centro cívico, un invetimento millonario que choca contra a vontade do barrio non parece a mellor idea das políticas públicas, e FeC si constatou que o que os veciños queren é a rehabilitación dalgún dos múltiples  e amplos locais baleiros que existen na zona, idóneos para habilitalos como local social, no canto de destruir unha das poucas zonas verdes que existen en Ultramar, que debera ser acondicionada como zona de esparcemento e lecer.
  • Nada se sabe do proxecto de rebaixe do talud das Pías, máis alá do seu propio nome, unha obra que debera en si mesma cambiar a configuración da cidade e calmatar unha das entradas da cidade con máis tránsito de vehículos, pero que parece que é un secreto de estado o seu desenvolvemento, e non vai ser coñecido ata o remate previsto das obras, alá por 2025.

É por iso que FeC demanda unha asemblea aberta á veciñanza, para evitar que decisións unilaterais lastren as políticas públicas e convertan os investimento para a cidadanía en investimentos contra a cidadanía, asemblea na que FeC está disposta a participar e colaborar, con fin de que dende un espírito constructivo as decisións políticas sexan compartidas entre representantes e representados.

Non obstante, antes deses grandes investimentos existe un primeiro paso que dar, os pequenos detalles que  poden ser máis importantes que a grandilocuencia urbanística: o mantemento diario ten un grande déficit neste barrio  e facémonos eco del:

  • As podas en zonas como a Praza de Cuba ou Santa Comba son inexistentes
  • As paradas de autobús na zona final das Pías non cumpren co mínimo requirido para as persoas con mobilidade reducida
  • A sinalización horizontal está nun estado pésimo: pasos de péons case borrados ou, frechas direccionais contradictorias
  • O mantemento de parques infantís, como o da Rúa Sánchez Calviño, a demanda de aparcadoiros de bicis ou colectores de aceite, a reparación de beirarrúas como a de Ingeniero Comerma, a falta de fontes públicas ou o tapón urbanístico no entorno da Rúa Perú.

En definitiva, FeC ofrece o seu grupo municipal para ser canle de comunicación entre a entidade veciñal e o equipo de goberno, con fin de articular as necesidades de barrio e as posibles solucións que dende o concello se poden dar, non entendendo como se poden facer políticas de cidade pero sen a cidade.