Ferrol, 24 de xaneiro de 2022

En Ferrol vense celebrando dende hai moitos anos a Gala do Deporte, un evento no que se premia aos e ás mellores deportistas da nosa cidade, recoñecéndolles o seu esforzo, dedicación e méritos deportivos e visibilizando a súa traxectoria deportiva, sendo exemplo para moitos e moitas outras.

Esta Gala do Deporte é unha cita anual na que participan tanto pais e nais, coma clubs da cidade e por suposto os e as deportistas que cada ano traballan de arreo nas súas correspondentes disciplinas para acadar os mellores resultados, os cales deberían ser recoñecidos nesta Gala do Deporte.

No ano 2020 tería que se ter celebrado a súa XXVII edición. Ben é certo, que as bases foron publicadas en febreiro dese ano para a presentación de candidatos e candidatas e estaba prevista a súa celebración o 2 de abril, pero a pandemia da Covid-19, paralizou a nosa vida e tamén a Gala do Deporte.

O problema é que a vida foise recuperando paulatinamente pero a Gala do Deporte non, quedando no esquecemento para o goberno local, que nunca máis se acordou de convocar esta cita que supón un imprescindible recoñecemento aos e ás deportistas locais.

Ferrol en Común considera que o Concello de Ferrol non se pode seguir esquecendo do tecido deportivo da nosa cidade. O ano pasado, mentres outros Concellos da contorna, coma Valdoviño ou Narón, si poñían en valor aos seus deportistas e recuperaban a súa Gala, o goberno local non tivo ningún interese en recoñecer o traballo dos e das deportistas locais e este ano, polo momento, tampouco está sobre a mesa.

FeC apoia e recoñece a labor dos e das deportistas ferroláns e entende a importancia da Gala do Deporte para o tecido deportivo da nosa cidade, por isto, solicitará neste Pleno de xaneiro a través dunha moción a recuperación da Gala do Deportes de xeito inmediato, ademais de incluír nela os recoñecementos aos e ás deportistas correspondentes aos anos anteriores que quedaron sen premio por non se ter celebrado dita Gala.

Esta moción é simple e concreta, baséase na recuperación dunha data fundamental para o deporte ferrolán e que se debeu retomar moito antes, pois cumprindo as medidas sanitarias pertinentes coma pasa nos concertos ou noutros eventos multitudinarios non debería haber maior problema, sen chegar a ter que presentar unha moción para que o goberno local se dea conta de que está a fallar aos e ás deportistas da nosa cidade.